Manuscrito Voynich
libro misterioso do século XVI / From Wikipedia, the free encyclopedia
O manuscrito Voynich é un misterioso libro ilustrado de contido hoxe incomprensíbel. Crese que foi escrito hai aproximadamente 600 anos por un autor descoñecido que se valeu dun sistema de escrita non-identificado e unha linguaxe inintelixíbel, así como de ilustracións a cor desconcertantes.
Manuscrito Voynich | |
---|---|
Lingua | Voynichese |
Data de pub. | valor descoñecido |
[ editar datos en Wikidata ] |
A teoría hoxe máis aceptada é que o manuscrito se creou como peza de arte no correr do século XVI, a modo de fraude. O defraudador sería o mago e astrólogo inglés Edward Kelley contando coa axuda do filósofo John Dee para enganar a Rodolfo II de Xermania (do Sacro Imperio Romano).
O libro adquiriuno o polonés-estadounidense Wilfrid M. Voynich, quen lle deu o seu nome, ao compralo en 1912. A partir de 2005, o manuscrito Voynich pasou a ser o item MS 408 na Beinecke Rare Book and Manuscript Library (Biblioteca Beinecke de libros raros e manuscritos) da Universidade Yale. A primeira edición facsímile publicouse en 2005 (Le Code Voynich), cunha curta presentación en francés do editor, Jean-Claude Gawsewitch. O seu número de rexistro é ISBN 2-35013-022-3.
Ao longo da súa existencia rexistrada, o manuscrito Voynich ten sido obxecto de intenso estudo por parte de moitos criptógrafos, incluíndo algúns dos maiores descifradores norteamericanos e británicos dos tempos da segunda guerra mundial. Ningún eles non deron descifrado ningunha soa palabra, o que transformou o manuscrito Voynich nun tema famoso da historia da criptografía, como tamén a estender a teoría de que é simplemente un engano moi ben tramado, é dicir, unha secuencia arbitraria de símbolos.
Mais que cumpra a lei de Zipf, que di que en todas as linguas coñecidas a lonxitude das palabras é inversamente proporcional á súa frecuencia de aparición (cantas máis veces aparece unha palabra nun idioma, máis curta é), fai pensar que se trata non só dun texto redactado nunha linguaxe concreta, senón tamén que se trata dunha lingua natural, xa que as linguas artificiais, como os idiomas élficos de Tolkien ou o klingon de Star Trek, non cumpren esta regra. Isto é debido á economía lingüística: as palabras que máis utilizamos son máis curtas e así requiren menos enerxía, por iso o uso dunha lingua acaba impoñendo esta lei, enunciada moitos séculos despois da creación deste manuscrito, e polo tanto, é improbable que o autor a aplicase a unha lingua inventada por el.
En 2009 investigacións da Universidade de Arizona demostraron, mediante a proba do carbono-14, e cunha fiabilidade do 95 %, que o pergamiño do manuscrito podía datarse entre 1404 e 1438.[1][2] Por outra parte, o McCrone Research Institute de Chicago demostrou que a tinta se aplicou non moito despois, confirmando así que o manuscrito é un auténtico documento medieval.[1]
Sobre o lugar no que se puido escribir, tan só se dispón dunha posible pista. Nunha das súas ilustracións aparece unha cidade amurallada, e son as súas ameas debuxadas as que achegan unha orientación. A súa forma é a das ameas chamadas de cola de andoriña, un estilo estético que máis tarde, no renacemento, se popularizou por toda Europa, pero que no momento no que supostamente se elaborou o manuscrito, segundo os últimos estudos da Universidade de Arizona, só se podía encontrar no norte de Italia, quizais na ampla rexión que transcorre entre Milán e Venecia.