Matrimonio entre persoas do mesmo sexo en España
From Wikipedia, the free encyclopedia
O matrimonio entre persoas do mesmo sexo en España é legal dende o 3 de xullo de 2005. No ano 2004, o novo goberno do PSOE liderado polo presidente José Luis Rodríguez Zapatero comezou unha campaña a prol da súa legalización, incluíndo o dereito de adopción para as parellas do mesmo sexo.[1] Tras unha serie de debates, aprobouse a lei correspondente nas Cortes Xerais o 30 de xuño de 2005, publicándose o 2 de xullo dese mesmo ano. A lei pasou a ter efecto ó día seguinte da súa publicación,[2] convertendo a España no terceiro país do mundo en permitir o matrimonio entre persoas do mesmo sexo en todo o seu territorio, tralos Países Baixos e Bélxica, e 17 días antes de que este dereito se estendese por todo o territorio do Canadá.
Malia que as enquisas indicaban que tiña un apoio dun 66% da poboación do país, a ratificación desta lei non estivo exenta de conflitos.[3] Varias autoridades da Igrexa católica opuxéronse firmemente á mesma, criticando o que eles consideraban unha debilitación do significado do matrimonio,[4] e outras asociacións conservadoras expresaron preocupación pola posibilidade de que os gays e lesbianas puidesen adoptar nenos.[5] Houbo manifestacións a favor e en contra da lei que reuniron a miles de persoas por todo o país, e trala súa aprobación o Partido Popular presentou unha moción da lei perante o Tribunal Constitucional.[6]
Durante o primeiro ano de vixencia da lei casaron aproximadamente unhas 4500 parellas do mesmo sexo en España.[7] Ó pouco de aprobarse a lei xurdiron dúbidas sobre o status legal destes casamentos para aqueles estranxeiros dos que os seus países de orixe non permitían o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, e unha sentenza do Ministerio de Xustiza afirmou que a lei permitía que un cidadán español casase cun estranxeiro sen importar se o país de orixe deste recoñecía a relación ou non.[8] Tamén se confirmou que un dos dous membros da parella debería ser cidadán español para poder casar, malia que dous cidadáns estranxeiros poderían casar tamén se ambos tiñan a residencia permanente en España.
Tralas eleccións xerais de 2011 nas que o Partido Popular gañou con maioría absoluta, o seu líder Mariano Rajoy afirmou que se opoñía ó matrimonio entre persoas do mesmo sexo, pero que calquera decisión sobre a derrogación da lei só podería facerse tras unha sentenza do Tribunal Constitucional.[9][10][11] O 6 de novembro de 2012 o Tribunal ratificou a lei con 8 votos a favor e 3 en contra,[12][13][14] e o entón ministro de xustiza Alberto Ruiz-Gallardón anunciou que o goberno acataría esta sentenza e non derrogaría a lei.[15][16][17]