Medusa (mitoloxía)
na mitoloxía grega, unha das gorgonas, descrita como unha muller con cobras no canto dos cabelos / From Wikipedia, the free encyclopedia
Na mitoloxía grega, Medusa ("gardiá, protectora") era un monstro, unha das tres gorgonas, fillas de Forcis e Ceto [1] mais Hixino escribe que eran fillas de Tifón e Equidna (filla de Forcis e Ceto) [2]
Medusa, como as irmás Esteno e Euríala, tiña serpes en lugar de cabelos, grandes cairos semellantas ós do porco bravo, mans de bronce e ás de ouro, coas que podía voar; Pseudo-Apolodoro engade que tiñan a cabeza cuberta por escamas de dragón. Os ollos botaban faíscas e eran quen de converter á xente en pedra con só mirala, así como ós animais (e Medusa mantiña este poder unha vez morta). Con semellante aspecto é fácil imaxinar o horror que provocaba a homes e mesmo deuses, aínda que non foi impedimento para que Poseidón se deitara con ela e a deixara preñada de Pegado e Crisaor.
Ovidio, non obstante, di que ela era moi bela pero foi violada por Poseidón no templo de Hera que, como castigo, converteuna no ser horroroso que é agora.
"Ela era a de figura máis bela e codiciada por moitos, e en toda ela non había parte máis admirable que a súa cabeleira. O soberano do océano, contan, deshonrouna no templo de Minerva; a filla de Xúpiter [Atenea] volveuse e cubriuse o casto rostro coa éxida, e para que o feito non quedara impune, cambiou a cabeleira da Gorgona en feas hidras. E aínda agora, para aterrorizar e paralizar ós inimigos, leva diante do peito as serpes que creou".(Ovidio: Metamorfosis IV, 794-803)