Melanocito
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un melanocito é unha célula da epiderme que se encarga de producir melanina, un pigmento da pel, ollos (iris[1], coroide [2]) e pelo, que ten a misión de bloquear os raios ultravioleta do sol, evitando que danen o ADN das células destas partes tan expostas á luz. Tamén hai melanocitos no oído interno,[3] meninxes,[4] ósos,[5] e corazón.[6]
É unha célula dendrítica (con prolongacións) que na súa orixe deriva da crista neural e que migra cara á epiderme e o folículo piloso durante a embrioxénese.
Caracterízanse polo seu núcleo ovoide. En condicións normais os melanocitos sitúanse na capa basal epidérmica e contactan cos queratinocitos por medio das súas dendritas (prolongacións). A densidade de melanocitos é variable dependendo da rexión anatómica, pero é moi constante entre os individuos de diferentes etnias. A cor da pel depende da actividade destas células. A melanina pode ser eumelanina (de cor cartaña parda) ou feomelanina (vermella amarelada). Ambas as formas prodúcense a partir da tirosina do retículo endoplasmático rugoso e o aparato de Golgi ao chegar á célula a hormona estimulante dos melanocitos (MSH) que se fixa ao receptor da membrana destes (MCR).
Os melanocitos están relacionados con algunhas enfermidades como a vitilixe ou os melanomas.