Membrana plasmática
From Wikipedia, the free encyclopedia
A membrana citoplasmática ou plasmática é unha estrutura laminar que envolve o citoplasma de todas e cada unha das células, e serve de límite co medio exterior. As membranas internas dos orgánulos da célula teñen unha estrutura parecida. É unha bicapa lipídica con proteínas que serve de "contedor" para os compoñentes da célula, así como protección mecánica. Está formada principalmente por lípidos e proteínas. Esta barreira presenta unha permeabilidade selectiva, o cal permite "seleccionar" as moléculas que entran e saen da célula. Ten tamén moléculas que serven para comunicarse co seu medio, como receptores de hormonas e outros ligandos ou antíxenos. Vista ao microscopio electrónico presenta entre dúas capas escuras unha central máis clara.
Nas células procariotas e nas de eucariontes osmótrofos como plantas e fungos, sitúase baixo outra capa, denominada parede celular.