Metaloproteína
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha metaloproteína é unha proteína que contén un ión metálico como cofactor.[1] As funcións das metaloproteínas son moi variadas nas células, actuando como encimas, proteínas de transporte e almacenamento, e na transdución de sinais. De feito, aproximadamente dun cuarto a un terzo de todas as proteínas requiren metais para levar a cabo as súas funcións,[2] e algunhas estimacións indican que poderían chegar a case a metade.[3] O metal adoita estar coordinado por átomos de nitróxeno, oxíxeno ou xofre pertencentes aos aminoácidos da cadea polipeptídica e/ou a un ligando macrocíclico incorporado á proteína. A presenza dos ións metálicos nos metaloencimas permítelles levar a cabo funcións tales como reaccións redox que non poden realizarse facilmente polo conxunto limitado de grupos funcionais que se encontran nos aminoácidos.[4]