Migración celular
From Wikipedia, the free encyclopedia
A migración celular é un proceso central no desenvolvemento e mantemento dos organismos pluricelulares consistente en que as células se moven dun lugar a outro. Durante a formación dos tecidos no desenvolvemento embrionario, a curación de feridas e a resposta inmune son necesarios movementos orquestrados das células en determinadas direccións para chegaren a lugares específicos. Os erros neste proceso teñen graves consecuencias, como a incapacidade intelectual, enfermidades cardiovasculares, formación de tumores e metástases. A comprensión do mecanismo por medio do cal as células migran pode dar lugar a novas estratexias terapéuticas para, por exemplo, controlar as células tumorais invasivas. As células adoitan migran en resposta a sinais externos específicos, como sinais quimiotácticos e sinais mecanotácticos. Debido ao ambiente altamente viscoso onde se encontran (con baixo número de Reynolds), as células necesitan producir permanentemente forzas para poder moverse. As células conseguen realizar este movemento activo de diversos xeitos. Os moito menos complexos organismos procarióticos (e gametos como os espermatozoides e protistas) utilizan flaxelos ou cilios para propulsarse, ou, nalgúns casos, poden esvarar dun xeito especial. A migración das células eucarióticas é moito máis complexo e pode consistir en combinacións de diferentes mecanismos de migración. Xeralmente implica cambios drásticos na forma da célula dirixidos polo citoesqueleto.[1]