Molécula
conxunto de polo menos dous átomos enlazados covalentemente que forman un sistema estable e eléctricamente neutro / From Wikipedia, the free encyclopedia
En química, unha molécula[1] (do novo latín molecula, que é un diminutivo da palabra moles, 'masa') é un grupo eléctricamente neutro e suficientemente estable de polo menos dous átomos nunha configuración definida, unidos por enlaces químicos fortes (covalentes ou iónicos).[2][3][4][5][6][7] Neste estrito sentido, as moléculas diferéncianse dos ións poliatómicos. Na química orgánica e na bioquímica, o termo "molécula" utilízase de maneira menos estrita e aplícase tamén aos compostos orgánicos (moléculas orgánicas) e nas biomoléculas.
Antes, definíase a molécula de forma menos xeral e precisa, como a máis pequena parte dunha substancia que podía ter existencia independente e estable conservando aínda as súas propiedades fisicoquímicas. De acordo con esta definición, podían existir moléculas monoatómicas. Na teoría cinética dos gases, o termo molécula aplícase a calquera partícula gasosa con independencia da súa composición. De acordo con esta definición, os átomos dun gas nobre consideraríanse moléculas aínda que se compoñen de átomos non enlazados.[8]
Unha molécula pode consistir en varios átomos dun único elemento químico, como no caso do osíxeno diatómico (O2), ou de diferentes elementos, como no caso da auga (H2O). Os átomos e complexos unidos por enlaces non covalentes como os enlaces de hidróxeno e os enlaces iónicos non se adoitan considerar como moléculas individuais.
As moléculas como compoñentes da materia son comúns nas substancias orgánicas (e polo tanto na bioquímica). Tamén conforman a maior parte dos océanos e da atmosfera. Con todo, un gran número de substancias sólidas familiares, que inclúen a maior parte dos minerais que compoñen a codia, o manto e o núcleo da Terra, conteñen moitos enlaces químicos, pero non están formados por moléculas. Ademais, ningunha molécula típica pode ser definida nos cristais iónicos (sales) ou en cristais covalentes, aínda que estean compostos por celas unitarias que se repiten, xa sexa nun plano (como no grafito) ou en tres dimensións (como no diamante ou o cloruro de sodio ). Este sistema de repetir unha estrutura unitaria varias veces tamén é válida para a maioría das fases condensadas da materia con enlaces metálicos, o que significa que os metais sólidos tampouco están compostos por moléculas identificables. No vidro (sólidos que presentan un estado vítreo desordenado), os átomos tamén poden estar unidos por enlaces químicos sen que se poida identificar ningún tipo de molécula, pero tampouco existe a regularidade da repetición de unidades que caracteriza aos cristais.
A molécula máis sinxela que existe é a de hidróxeno gas, xa que está formada por dous átomos de hidróxeno, que é á súa vez o átomo máis sinxelo que existe por estar formado unicamente por un neutrón, un protón e un electrón xirando ó redor do núcleo formado polos dous primeiros.
As moléculas sofren entre si mesmas interaccións, e poden ser débiles ou fortes, sendo as primeiras debidas á polarización das moléculas debido a unha distribución desigual das cargas dentro dela (véxase forzas de van der Waals ou forzas de London), e son débiles debido a que moitas destas son soamente momentáneas. As segundas son debidas á electronegatividade dalgún dos átomos, que provoca á súa vez unha distribución desigual da carga e as atraccións conseguintes entre as moléculas. Todas estas interaccións son culpables de moitas das propiedades dos compostos químicos, coma por exemplo do punto de fusión ou de ebulición, que pode resultar máis alto do esperado analiticamente debido a que estas forzas están unindo continuamente ás moléculas que forman o composto.