Mundial de Fútbol de 1986
evento futbolístico internacional cuatrianual / From Wikipedia, the free encyclopedia
A Copa do Mundo da FIFA 1986 (en castelán: Copa Mundial de Fútbol México '86) foi a décimo terceira edición do Campionato Mundial de fútbol de seleccións, a competición máis importante deste deporte. Vinte e catro equipos participaron nesta edición, organizada en México entre o 31 de maio e o 29 de xuño de 1986. Inicialmente o torneo ía celebrarse en Colombia mais, debido principalmente a razóns económicas, o país suramericano renunciou, sendo escollido México como nova sede e converténdose así no primeiro país en organizar o mundial en máis dunha ocasión.[1]
O campión do torneo foi a selección da Arxentina, a cal conseguiu o seu segundo título após o obtido en 1978. O combinado arxentino conseguiu o título após venceren na final á Alemaña Federal no Estadio Azteca de Cidade de México por 3−2. O xogador máis destacado da selección arxentina e do torneo,[2] foi Diego Armando Maradona. Son lembrados principalmente os seus dous goles na eliminatoria de cuartos de final ante Inglaterra: a "man de Deus", gol anotado coa man, e o votado como "gol do século".[3] Alén deses dous goles, Maradona anotou outros tres e repartiu cinco asistencias ao seus compañeiros. A asistencia total aos xogos do torneo foi de 2 394 031, o que fai unha media de 46 039 por partido.[4]
O fomrato de competición deste torneo mudou con respecto á anterior edición de 1982. Por un lado, os encontros da última xornada da fase de grupos foron xogados á mesma hora após o acontecido no encontro entre a Alemaña Federal e Austria no que se pactou de antemán un resultado que beneficiaba a ambos equipos.[5] Por outro lado, en lugar de celebrarse dúas fases de grupos, apóa a primeira o resto do torneo foi xogado en formato de eliminatorias. Así, os dous primeiros de cada grupos, máis os catro mellores terceiros, xogaron unha eliminatoria de dezaseis equipos a partido único. Debutaron nesta edición as seleccións do Canadá, Dinamarca e Iraq.