Ninja
From Wikipedia, the free encyclopedia
Na historia do Xapón, os ninja (忍者, ninja ou shinobi) eran un grupo militar de mercenarios adestrados especialmente en formas non ortodoxas de facer a guerra, nas que se incluía o asasinato, espionaxe, sabotaxe, recoñecemento e guerra de guerrillas, co afán de desestabilizar ao exército inimigo, obter información vital da posición das súas tropas ou lograr unha vantaxe importante que puidese ser decisiva no campo de batalla.
Este artigo amosa escritos xaponeses. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
Para os seus propósitos utilizaban unha ampla gama de armas e artefactos como espadas, shuriken ou cadeas, ademais de que eran expertos na preparación de velenos, apócemas e bombas. Do mesmo xeito, eran adestrados no uso da «arte do disfrace», que utilizaban a miúdo para pasar desapercibidos dependendo da situación imperante no lugar no que se tivesen que introducir, a diferenza da típica vestimenta coa que hoxe día se lles identifica.
Poucas organizacións militares foron tan difundidas e ao mesmo tempo tan incomprendidas como os ninjas do Xapón e gran parte da historia deste grupo baséase en mitos ou esaxeracións, o que dificultou o seu estudo e comprensión. Desta forma, ao longo da historia, moitas mortes ocorridas nalgún momento oportuno foron atribuídas a este grupo militar, pero debido ao hermetismo das súas misións é imposible saber exactamente o número de mortes que causaron.
Os ninjas foron tanto temidos como utilizados polos líderes militares debido a que a súa natureza era totalmente contraria aos ideais do samurai. No caso dos samurai, o daimyō non podería expoñelos a traballos como o espionaxe ou asasinatos encubertos, debido a que se eran descubertos a súa reputación quedaría esnaquizada. Por ese motivo preferían contratar a ninjas, que xeralmente procedían de clases sociais baixas, para que realizasen ese tipo de traballos.
As orixes dos shinobi, outra palabra utilizada para referirse a este grupo militar, son incertos, aínda que o seu antecedente máis preciso atópase no século VI da nosa era e non é ata o século XV cando se poden identificar plenamente as súas actividades e características. Do mesmo xeito que os samurai, tiveron o seu momento cume durante o período Sengoku da historia do Xapón, unha etapa de grande inestabilidade e conflitos bélicos pola loita do poder interna do país, que terminaría ao establecerse o shogunato Tokugawa, época onde terían as súas últimas aparicións.