Nucleósido trifosfato
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un nucleósido trifosfato é unha molécula que contén unha base nitroxenada unida a un azucre de 5 carbonos (pode ser ribosa ou desoxirribosa), con tres grupos fosfato unidos ao azucre.[1] Son os precursores moleculares dos nucleótidos que constitúen o ADN e o ARN (que son nucleósidos monofosfato), xa que estes ácidos nucleicos son cadeas de nucleótidos orixinadas durante a replicación do ADN e a transcrición.[2] Os nucleósidos trifosfato tamén serven como fonte de enerxía para as reaccións celulares (o ATP é o mellor exemplo)[3] e están implicados en vías de sinalización (por exemplo o GTP).[4]
Os nucleósidos trifosfato dos alimentos non poden ser absorbidos ben, polo que se sintetizan dentro da célula.[5] As vías de síntese son distintas dependendo do nucleósido trifosfato concreto que se vaia formar, pero como teñen importantes funcións, a súa síntese está estreitamente regulada en todos os casos.[6] Os análogos de nucleósidos poden tamén usarse para tratar infeccións virais.[7] Por exemplo, a azidotimidina (AZT) é un análogo de nucleósido usado para previr e tratar a VIH/SIDA.[8]