O Señor dos Aneis
triloxía narrativa fantástica de John Ronald Reuel Tolkien / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Señor dos Aneis[1] (en inglés: The Lord of the Rings) é unha triloxía épica de fantasía escrita por J. R. R. Tolkien. A historia comezou como unha secuela da novela de fantasía de Tolkien de 1937 O hobbit, mais finalmente converteuse nunha obra moito maior. Escrita por etapas entre 1937 e 1949, O Señor dos Aneis é un dos libros máis vendidos de tódolos tempos, con máis de 150 millóns de copias vendidas.[2]
O Señor dos Aneis | |
---|---|
O Anel Único, arredor de cuxa destrución xira a trama da novela, enriba dunha páxina do libro. | |
Título orixinal | The Lord of the Rings |
Autor/a | J. R. R. Tolkien |
Ilustrador/a | Antonio Doñate Mañeru (gl) |
Orixe | Reino Unido |
Lingua | Inglés |
Colección | Fóra de Xogo (nº 56, 57 e 58) |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | Allen & Unwin Edicións Xerais e Sushi Books |
Data de pub. | 1954-55 2001-02 (Edicións Xerais) 2018 (Sushi Books) |
Formato | Rústico cosido a fío. |
Páxinas | 520 (Tomo I en gl) 440 (Tomo II en gl) 400 (Tomo III en gl) 890 (Edición de Shushi Books) |
ISBN | ISBN 84-8302-683-X (Tomo I en gl) ISBN 84-8302-826-3 (Tomo II en gl) ISBN 84-8302-916-2 (Tomo III en gl) ISBN 978-84-16884-17-9 (Edición de Shushi Books) |
Precedido por | O hobbit |
Seguido por | The Adventures of Tom Bombadil |
Tradución | Moisés Barcia Rodríguez |
[ editar datos en Wikidata ] |
O título da novela refírese ó principal antagonista da historia, o señor escuro Sauron, que na idade antiga creou o Anel Único para dominar os outros Aneis de Poder como a arma definitiva na súa campaña por conquistar e gobernar toda a Terra Media. A historia comeza na Comarca, unha terra de hobbits non moi diferente da campiña inglesa, e avanza por toda a Terra Media seguindo o curso da Guerra do Anel a través dos ollos dos principais personaxes, os hobbits Frodo Bulseiro, Samsagaz "Sam" Gamllí, Meriadoc "Merry" Brandigamo e Peregrin "Pippin" Tuc, os homes Aragorn e Boromir, un capitán de Gondor, Gimli, un guerreiro anano, Legolas, un príncipe elfo e Gandalf, un mago.
Orixinalmente, a obra foi concibida por Tolkien para ser un volume dunha colección de dous, sendo o outro O Silmarillion, mais esta idea foi rexeitada pola editorial.[3] Por razóns económicas, O Señor dos Aneis foi publicado en tres volumes dende o 29 de xullo de 1954 até o 20 de outubro de 1955.[3][4] Os tres volumes foron titulados A Irmandade do Anel, As Dúas Torres e O Regreso do Rei. Estruturalmente, a novela está dividida de xeito interno en seis libros, dous por volume, con varios apéndices de material de fondo incluídos no final. Algunhas edicións combinan a obra completa nun único volume. O Señor dos Aneis foi republicado en numerosas ocasións e foi traducido a 38 linguas.
A triloxía foi traducida ó galego por Moisés Barcia Rodríguez e publicada pola editorial Edicións Xerais no ano 2001.[1][5] Esta tradución, revisada e actualizada polo propio Barcia,[6] publicouna nun único volume Sushi Books, selo editorial de Rinoceronte Editora, no ano 2018.[7]