Organismo xeneticamente modificado
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un organismo modificado xeneticamente (abreviado polas siglas OMX, OXM ou mesmo GMO, esta última do inglés Genetically Modified Organism) é un organismo cuxo material xenético foi alterado usando técnicas coñecidas como ADN recombinante ou enxeñaría xenética. ADN recombinante é a capacidade para combinar moléculas de ADN procedentes de diferentes fontes nunha molécula nun tubo de ensaio. Deste xeito as proteínas ou os fenotipos do organismos poden ser alterados desde os seus xenes.
A maioría das veces que se fala de organismos xeneticamente modificados referímonos a organismos transxénicos. OMX e transxénicos non son sinónimos: todo transxénico é un organismo xeneticamente modificado, mais non todo OXM é un transxénico.
Un transxénico é un organismo que posúe unha secuencia de ADN ou parte do ADN doutro organismo, pode até ser dunha especie diferente. Non obstante, un OXM é un organismo que foi modificado xeneticamente, mais pode ser que non recibise ningunha rexión doutro organismo. Por exemplo, unha bacteria pode ser modificada para expresar un xene ben mais veces. Iso non quer dicir que ela sexa unha bacteria transxénica, senón só un OMX, xa que non foi necesario inserir material externo. Outras veces o que se fai é inactivar un xene propio. Sempre que se insire un ADN exóxeno nun organismo, ese pasa a ser transxénico.