Oxidorredutase
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha oxidorredutase é un encima que cataliza a transferencia de electróns desde unha molécula doante (o axente redutor) a outra aceptora (o axente oxidante). Son, por tanto, reaccións de óxido-redución nas que á vez que unha das substancias se oxida a outra redúcese. Por exemplo, un encima que catalizase esta reacción sería unha oxidorredutase:
- A– + B → A + B–
No exemplo, A é o redutor ou doante de electróns e B é o oxidante ou aceptor.
Porén, no metabolismo celular as reaccións de oxidorredución poden ser menos evidentes; consisten na redución ou oxidación de grupos funcionais, e adoitan implicar a coencimas que tamén cambian o seu estado redox, como poden ser os pares NADH/NAD+, NADPH/NADP+, FAD/FADH2 ou FMN/FMNH2. Os coencimas actúan como intermediarios entre A e B na oxidorredución. A oxidación pode facerse por perda dun electrón ou por perda de átomos de hidróxeno. Por exemplo:
- Pi + gliceraldehido-3-fosfato + NAD+ → NADH + H+ + 1,3-bisfosfoglicerato
Nesta reacción, NAD+ é o oxidante ou aceptor de electróns, e o gliceraldehido-3-fosfato, o redutor ou doante de electróns.