Péptido
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os péptidos son un tipo de moléculas formadas pola unión de varios aminoácidos mediante ligazóns peptídicas.
Os péptidos, do mesmo xeito que as proteínas, están presentes na natureza e son responsables dun gran número de funcións, moitas das cales aínda non se coñecen.
A unión dun baixo número de aminoácidos dá lugar a un péptido. Unha clasificación tradicional das cadeas peptídicas polo seu tamaño é a seguinte:
- Oligopéptido: menos de 10 aminoácidos. Poden ser dipéptidos, tripéptidos, tetrapéptidos... segundo teñan dous, tres, catro... aminoácidos, respectivamente.
- Polipéptido: máis de 10 aminoácidos.
- Proteína: máis de 100 aminoácidos. As proteínas cunha soa cadea polipeptídica denomínanse proteínas monoméricas, mentres que as compostas de máis dunha cadea polipeptídica coñécense como proteínas multiméricas.
Os péptidos diferéncianse das proteínas en que son máis pequenos (teñen menos de dez mil ou doce mil daltons) e en que as proteínas poden estar formadas pola unión de varios polipéptidos e ás veces grupos prostéticos. Porén, a distinción entre polipéptidos e proteínas é un tanto arbitraria e variable na literatura científica, xa que algúns autores poñen outros límites no número de aminoácidos (menos de 100), e non é definitivo tampouco o criterio estrutural. Non está claro o límite entre os polipéptidos grandes e as proteínas pequenas. Algúns autores usan os termos cadea polipeptídica e mesmo "polipéptido" co significado de cadea simple de aminoácidos independentemente do seu tamaño. Un exemplo de polipéptido é a insulina, composta de 55 aminoácidos e coñecida como unha hormona de acordo á función que ten no organismo dos seres humanos. Entre os péptidos pequenos son exemplos o tripéptido glutatión e a hormona oxitocina, de nove aminoácidos.
As peptonas son derivados do leite ou de carne dixerida por proteólise.[1] Ademais de conteren pequenos péptidos, o material resultante inclúe graxas, metais, sales, vitaminas e moitos outros compostos biolóxicos. As peptonas son utilizadas como medios nutrientes para o crecemento de bacterias e fungos.[2]