Péptido natriurético cerebral
From Wikipedia, the free encyclopedia
O péptido natriurético cerebral (BNP), tamén chamado péptido natriurético de tipo B, é un polipéptido con función hormonal de 32 aminoácidos secretado polos ventrículos do corazón en resposta a un excesivo estiramento das células musculares do corazón. O BNP recibe o nome de "cerebral" porque foi inicialmente identificado en extractos de cerebro porcino, aínda que nos humanos se produce principalmente nos ventrículos do corazón.
O BNP segrégase conxuntamente cun fragmento peptídico N-terminal de 76 aminoácidos chanmado NT-proBNP, que é bioloxicamente inactivo. O BNP únese e actriva os receptores A do péptido natriurético auricular (NPRA), e en menor medida aos receptores B do péptido natriurético auricular (NPRB), dun modo similar a como o fai o péptido natriurético auricular (ANP), pero cunha afinidade 10 veces menor. Porén, a vida media do BNP é dúas veces máis longa ca a do ANP, e a do NT-proBNP é aínda máis longa, o que fai destes péptidos unhas dianas mellores para o diagnóstico por medio de análises de sangue ca o ANP. A vida media do NT-proBNP é de 1 a 2 horas e a do BNP é de 20 minutos.
As accións fisiolóxicas do BNP son similares ás do ANP e consisten en facer diminuír a resistencia vascular sistémica e a presión venosa central, e en incementar a natriurese (sodio na urina). Deste modo, o efecto neto do BNP e ANP é a diminución do volume sanguíneo e do gasto cardíaco.