Pórtico da Gloria
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela é un pórtico, de transición entre o románico e o gótico,[1][2][3] realizado polo mestre Mateu e o seu obradoiro por encargo do rei de Galiza e León Fernando II, entre 1168 e 1188. A primeira data consta no documento asinado por Fernando II o 23 de febreiro de 1168, no que se lle concede a Mateu un soldo vitalicio de dous marcos de prata anuais polo seu traballo nas obras da basílica de Santiago (documento que se conserva no Museo Catedralicio). A segunda data consta inscrita no lintel como indicación do seu remate.
Pórtico da Gloria | |
---|---|
Pórtico da Gloria visto dende abaixo. | |
Presentación | |
Localización | Catedral de Santiago de Compostela |
Coordenadas | |
Estilo | románico e gótico |
Construción | |
Inicio | 1168 |
Data da construción | 1188 |
O Pórtico actual non é realmente o resultado da obra do mestre Mateu, xa que algunhas das súas figuras foron retiradas ó construír a actual fachada da catedral ("do Obradoiro") no século XVIII e consérvanse no Museo Catedralicio. Tampouco é obra súa exclusivamente, xa que os especialistas distinguen a man de catro escultores diferentes, como mínimo.
A obra orixinal estaba policromada, como era habitual na imaxinería relixiosa do románico, pintada de branco, negro, vermello, azul e dourado de pan de ouro,[4] estando documentados varias restauracións da pintura en diversas ocasións, nos séculos XV e XVI, así como a levada a cabo por Crispín de Evelino en 1651, ano no que encarnou os brazos, pés e fazulas dos santos por 130 ducados.[4] Co paso do tempo, esta policromía desapareceu case por completo ata quedar reducida a restos dispersos en diferentes figuras. Os distintos traballos de restauración ós que foi sometido o Pórtico, e maiormente a acometida a partir de 2009, descubriron pinturas engadidas con posterioridade á súa creación así como zonas nas que a pintura orixinal se mantiña pero totalmente oculta polo po acumulado.
Atribuíuse a perda da pintura ós traballos realizados en 1866 polo italiano Domenico Brucciani por encargo do museo británico South Kensington (hoxe denominado Victoria and Albert Museum) para facer unha copia en xeso da obra, manobra á que se acusou de estraga-las pinturas que resistiran durante séculos.[5][6] Parece máis certo que non houbo tal efecto (ou, como moito, que non foi significativo) e non consta documentación da época que xustifique aquela teoría, dándose por máis probable que a perda da pintura se deba á acción combinada da humidade, esmiuzamento da superficie da pedra e acumulación de po sobre as figuras.[Cómpre referencia] Desde 2006 púxose en marcha un proxecto de restauración para devolverlle parte da súa policromía estragada.