París
capital de Francia / From Wikipedia, the free encyclopedia
París (en francés Paris [pa.ʁi] (axuda · info)) é a capital de Francia, Chef-lieu da Illa de Francia e a única comuna-departamento do país. Atópase nun meandro do río Sena no centro da Conca parisiense, entre a confluencia do río Marne e o Sena augas arriba, e o Oise e o Sena augas abaixo.
A cidade de París dentro dos seus límites administrativos ten unha poboación estimada de 2 190 327 habitantes (2016).[1] Con todo, durante o século XX, a área metropolitana de París espallouse alén dos límites da comuna. A súa área urbana, a segunda máis grande de Europa, ten unha poboación de 11 174 740 habitantes (1999).[2]
A rexión de París (Illa de Francia) é, xunto con Londres, o centro económico máis importante de Europa.[3] Con 500,8 mil millóns de euros (630 mil millóns de dólares), produciu unha cuarta parte do Produto Interior Bruto (PIB) de Francia no 2006. La Défense é o primeiro barrio de negocios de Europa,[4] alberga a sede social de case a metade das grandes empresas francesas, así como a sede de vinte das 100 máis grandes do mundo. París tamén acolle ou acolleu moitas organizacións internacionais, como a Unesco, a OCDE, a Corte Penal Internacional e o Club de París.
A cidade é o destino turístico máis popular do mundo, con máis de 26 millóns de visitantes estranxeiros por ano.[5] Adoita considerarse como a cidade máis fermosa, elegante e espectacular do mundo por contar con moitos dos monumentos máis famosos e admirados do orbe: a Torre Eiffel, a Catedral de Notre-Dame, os Campos Elisios, o Arco do Triunfo, a Basílica do Sacré Cœur, d'Os Inválidos, o Panteón, o Arco de La Défense, a Ópera Garnier ou o barrio de Montparnasse, entre outros. Tamén alberga institucións de recoñecemento mundial: o Louvre, o Museo de Orsay e o Museo Nacional de Historia Natural de Francia.