Peregrinación
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha peregrinación é unha viaxe feita por devoción ou promesa[1] normalmente a un santuario ou lugar sagrado con importantes connotacións relixiosas. É, tamén, unha viaxe efectuada por un crente (ou grupo de crentes) ata un lugar de devoción ou un lugar considerado como sagrado segundo cadansúa relixión.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde novembro de 2017.) |
O termo peregrinación provén do latín peregrinatio e significa viaxe ao estranxeiro ou estancia no estranxeiro. Segundo as orixes etimolóxicas, o peregrino é o expatriado ou exiliado. O desprazamento, xeralmente a pé, de homes e mulleres cara lugares sagrados é unha práctica común de todas as relixións e culturas, un fenómeno universal da antropoloxía relixiosa. En galego tamén se emprega a palabra romaría, aínda que adoita referirse a unha festa popular en que a xente acode a un santuario por motivos relixiosos e, ao mesmo tempo, divírtese.[2]
É de sona mundial a peregrinación, o hajj, dos fieis musulmáns á Meca, a peregrinación dos fieis católicos a Santiago de Compostela, ou a Shalosh Regalim, a dos observantes xudeus a Xerusalén, durante as tres festividades de Pésaj, Shavuot e Sucot. A peregrinación pódese realizar por mera profesión de fe ou coma método para expiar algún pecado segundo a relixión practicada, e incluso coma agradecemento por peticións concedidas á figura relixiosa pertinente.
Tamén é peregrinación visitar unha capela ou lugar que custodie reliquias sagradas. A Biblia fala do peregrinar no Salmo 122 (121):
Que ledicia cando me dixeron:Imos á casa do Señor.
Xa están a pisar os nosos pés
Os teus limiares, Xerusalén.
A última visita de Xesús a Xerusalén, sendo observante da lei xudía, foi coma peregrino durante a festa de Pésaj.