Piñón (mecanismo)
From Wikipedia, the free encyclopedia
Na mecánica, denomínase piñón a roda dun mecanismo de cremalleira ou a roda máis pequena dun par de rodas dentadas, xa sexa nunha transmisión por engrenaxe,[1] cadea de transmisión ou correa de transmisión. Tamén se denomina piñón tensor a roda dentada destinada a tensar unha cadea ou unha correa dentada dunha transmisión.[2]
Nunha etapa de engrenaxe, a roda máis grande denomínase «coroa», mentres que nunha transmisión por cadea como a dunha bicicleta, a roda maior denomínase «prato».[3] Nun tren de engrenaxes de varias etapas, a coroa dunha etapa xira solidariamente co piñón da etapa consecutiva.
Nas transmisións por cadea e por correa, un piñón demasiado pequeno dá lugar a maiores curvaturas no elemento flexible da transmisión, o que incrementa o desgaste e diminúe a vida útil dos elementos.