Plásmido
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un plásmido[1][2][3] é unha pequena molécula de ADN que se encontra nunha célula que está separada fisicamente do ADN cromosómico e pode replicarse independentemente. Normalmente trátase de pequenas moléculas de ADN circular bicatenario que se encontran en bacterias, pero ás veces están presentes tamén en arqueas e eucariontes. Na natureza, os plásmidos adoitan portar xenes que poden beneficiar a supervivencia do organismo, por exemplo danlles resistencia aos antibióticos. Aínda que os cromosomas son grandes e conteñen toda a información xenética esencial para vivir en condicións normais, os plásmidos xeralmente son moi pequenos e conteñen só xenes adicionais que poden ser útiles para o organismo en certas situacións ou condicións particulares. Os plásmidos artificiais utilízanse amplamente como vectores en clonación molecular, xa que serven para dirixir a replicación de secuencias de ADN recombinante dentro dos organismos hóspedes. No laboratorio, os plásmidos poden introducirse nunha célula polo mecanismo da transformación.
Os plásmidos considéranse replicóns, unidades de ADN con capacidade de replicación autónoma dentro dun hóspede axeitado. Porén, os plásmidos, igual que os virus, non son xeralmente clasificados como seres vivos.[4] Os plásmidos transmítense desde unha bacteria a outra (incluso doutra especie) principalmente por conxugación.[5] Esta transferencia hóspede a hóspede dun material xenético é un mecanismo de transferencia horizontal de xenes, e os plásmidos son considerados parte do mobiloma. A diferenza dos virus (que encapsulan o seu material xenético nunha cuberta proteica protectora chamada cápside), os plásmidos son ADN "espido" e non codifican os xenes necesarios para encapsular o material xenético para transferilo así a un novo hóspede. Porén, algunhas clases de plásmidos codifican os pili "sexuais" ou da conxugación necearios para a súa propia transferencia. O tamaño do plásmido varía de 1 a uns 200 kbp,[6] e o número de plásmidos idénticos nunha soa célula pode estar entre un e miles baixo certas circunstancias.
As relacións entre microbios e o ADN do plásmido non é nin parasita nin mutualista, porque ambos os casos implicarían a presenza dunha especie independente nun estado prexudicial ou comensal co organismo hóspede. En vez diso,, os plásmidos proporcionan un mecanismo para a transferencia horizontal de xenes dentro dunha poboación de microbios e proporcionan tipicamente unha vantaxe selectiva baixo un estado ambiental dado. Os plásmidos poden portar xenes que proporcionan resistencia a antibióticos presentes de forma natural nun nicho ecolóxico competitivo, ou a proteína producida pode actuar como toxina en circunstancias similares, ou permitir que o organismo utilice un composto orgánico determinado que sería vantaxoso cando escaseasen os nutrientes.[7]