Planeta terrestre
planeta composto principalmente de silicatos, cunha superficie sólida / From Wikipedia, the free encyclopedia
Un planeta terrestre, tamén denominado planeta telúrico ou planeta rochoso, é un planeta formado principalmente por silicatos. Os planetas terrestres son substancialmente diferentes dos planetas xigantes gasosos, os cales poida que non teñan unha superficie sólida e están constituídos principalmente por gases tales como hidróxeno, helio e auga en diversos estados de agregación. Todos os planetas terrestres teñen aproximadamente a mesma estrutura: un núcleo metálico, maioritariamente férreo, e un manto de silicatos que o rodea. A Lúa ten unha composición similar, excepto o núcleo de ferro. Os planetas terrestres teñen canóns, cráteres, montañas e volcáns. Ademais teñen atmosferas secundarias, procedentes dos seus procesos xeolóxicos internos, ao contrario que os xigantes gasosos que posúen atmosferas primarias, capturadas directamente da nebulosa solar orixinal.
O sistema solar ten catro planetas terrestres: Mercurio, Venus, a Terra e Marte, e un planeta anano no cinto de asteroides, Ceres, chamados conxuntamente planetas interiores. Os obxectos transneptunianos como Plutón parécense aos planetas terrestres en que teñen unha superficie sólida, pero son maioritariamente xeo. Algunhas grandes lúas do sistema solar tamén son desde certo punto de vista «planetas telúricos» xa que se consideran planetas secundarios de formacións rochosas, pero non todas as lúas, só aquelas o suficientemente grandes como para alcanzar equilibrio hidrostático. Durante a formación do sistema solar, probablemente houbo máis planetas terrestres (protoplanetas), pero fusionáronse para formar os actuais planetas, foron destruídos ou expulsados cara ao espazo interestelar mediante alteracións gravitacionais do resto de planetas. Só un planeta terrestre, a Terra, ten unha hidrosfera activa.