Pneumonía
enfermidade do sistema respiratorio / From Wikipedia, the free encyclopedia
A pneumonía (do grego pneumon, 'pulmón', e este de pneuma, 'sopro, respiración'[1]), pulmonía[2] ou pneumonite[2] é unha inflamación dos pulmóns e das vías respiratorias en xeral, que causa efectos secundarios coma febre, mucosidade, tose etc. Consiste na inflamación dos espazos alveolares dos pulmóns.[3] A maioría das veces a pneumonía é infecciosa, pero non sempre é así. A pneumonía pode afectar a un lóbulo pulmonar completo (pneumonía lobular), a un segmento de lóbulo, aos alvéolos próximos aos bronquios (broncopneumonía) ou ao tecido intersticial (pneumonía intersticial). A pneumonía fai que o tecido que forma os pulmóns se vexa colorado, inchado e produza dor. Os pacientes non sempre ingresan no hospital e moitos son tratados polo médico de cabeceira. A pneumonía adquirida na comunidade (NAC) ou extrahospitalaria é a que se adquire fóra dos hospitais, mentres que a pneumonía nosocomial (NN) é a que se adquire durante a estancia hospitalaria transcorridas 48 horas ou dúas semanas despois de recibir a alta.
Pneumonía | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Imaxe de raios X que mostra unha pulmonía bacteriana con forma de cuña no pulmón dereito. | |
DiseasesDB | 10166 |
MedlinePlus | 000145 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A pneumonía pode ser unha enfermidade grave se non se detecta a tempo, e pode chegar a ser mortal, especialmente entre persoas de idade avanzada e entre os inmunodeprimidos. En particular os pacientes de SIDA contraen frecuentemente a pneumonía por Pneumocystis (un fungo). As persoas con fibrose quística teñen tamén un alto risco de padecer pneumonía debido a que continuamente se acumula fluído nos seus pulmóns.
Pode ser moi contaxiosa, xa que os xermes que a causan se diseminan rapidamente no aire, por medio de espirros, tose e mucosidade; un paciente que padeceu pneumonía pode quedar con secuelas desta no seu organismo por moito tempo, isto faino potencialmente contaxioso e as persoas máis propensas a contraela son as que están sufrindo unha gripe, ou un cadro asmático, entre outras doenzas do aparato respiratorio.