Celtas
conxunto de pobos indoeuropeos de Europa / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os celtas[1] son[2] un conxunto de pobos indoeuropeos[3] de Europa identificados polo uso das linguas celtas e outras semellanzas culturais.[4][5][6][7] A historia da Europa precelta e a relación exacta entre os diferentes grupos étnicos, lingüísticos e culturais dentro do espazo celta é tema de debate e controversia.[8] Por outra banda, o alcance xeográfico dos antigos celtas tamén está en disputa; particularmente, se os habitantes da Idade de Ferro de Gran Bretaña e Irlanda deberían ser considerados ou non como celtas.[7][8][9][10] Segundo unha teoría, a orixe común das linguas celtas, a lingua protocelta, xurdiu na cultura dos Campos de Urnas a finais da Idade de Bronce en Europa central, a cal floreceu arredor do ano -1200.[11]
De acordo con outra teoría proposta no século XIX, o primeiro pobo en amosar características culturais consideradas como celtas foi o pobo da cultura de Hallstatt da Idade de Ferro, en Europa central (c. -800 e -450), chamada así polos ricos achados de tumas en Hallstatt, Austria.[11][12] É por iso que ás veces a zona é coñecida como a "patria celta". Durante o período de La Tène (c. -450 BC até a conquista romana), chamado así polo sitio arqueolóxico de La Tène, en Suíza, esta cultura celta supostamente expandiuse por difusión transcultural ou migración até as Illas Británicas (celtas insulares), Francia e os Países Baixos (galos), Bohemia, Polonia e gran parte de Europa central, a Península Ibérica (celtiberos, célticos, lusitanos e galaicos) e o norte de Italia (cultura de Golasecca e galos cisalpinos)[13] e, posteriormente o asentamento celta en Europa oriental que comezou no ano -279, chegando ao leste até Anatolia central (gálatas) na actual Turquía.[14]
Os exemplos máis antigos e sen disputa dunha lingua celta son as inscricións en lepóntico do século -VI.[15] As linguas celtas continentais son coñecidas case exclusivamente a través de inscricións e nomes de lugares. As linguas celtas insulares están rexistradas dende o século IV en inscricións Ogham, aínda que está claro que foron faladas nas illas moito tempo antes. A tradición literaria celta comezou con textos en irlandés antigo arredor do século VIII. Os textos da tradición literaria irlandesa antiga, como Táin Bó Cúailnge, sobreviviron en recensións do século XII.
A partir da metade do primeiro milenio, coa expansión do Imperio Romano e a migración dos pobos xermánicos, a cultura celta e as linguas celtas insulares quedaron restrinxidas a Irlanda, o oeste e o norte de Gran Bretaña (Gales, Escocia e Cornualla), a Illa de Man e a Bretaña. Entre os séculos V e VIII, as comunidades de fala celta destas rexión atlánticas emerxeron como unha entidade cultural razoablemente cohesionada. Tiñan unha herdanza lingüística, relixiosa e artística común que os distinguía da cultura e das entidades políticas que as rodeaban.[16] Porén, por volta do século VI, as linguas celtas continentais deixaron de ser amplamente usadas.
A cultura celta insular diverxeu entre os gaels (irlandeses, escoceses e manx) e os britanos (galeses, córnicos e bretóns) nos períodos medieval e moderno.[4][17][18] Unha identidade celta moderna foi construída como parte dun Rexurdimento celta romanticista en Gran Bretaña, Irlanda, e noutros territorios europeos, como Portugal e Galicia.[19] No presente, o irlandés, o escocés, o galés e o bretón son falados aínda en parte do seu territorio histórico, e o córnico e o manx están en proceso de recuperación.