Música pop
xénero de música popular / From Wikipedia, the free encyclopedia
A música pop (apócope de popular) é un xénero de música popular que tivo a súa orixe a finais dos anos 1950 coma un derivado do rock and roll, en combinación con outros xéneros musicais que estaban de moda nese momento. A música pop, á marxe da instrumentación e tecnoloxía aplicada para a súa creación, conserva a estrutura formal "verso - retrouso - verso", executada dun modo sinxelo, melódico, apegadizo, e normalmente asimilable para o gran público. As súas grandes diferenzas con outros estilos están nas voces melódicas e claras en primeiro plano e percusións lineais e repetidas.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde novembro de 2017.) |
Historicamente, a expresión "música pop" non era entendida como un xénero musical con características musicais concretas. Era, directamente, o contrario á música de culto, á música clásica. Baixo esta definición entraban estilos como o rock, o funky, o folk ou ata o jazz. O pop era entendido como ese gran grupo de músicas para a xente de escasa cultura musical. Co tempo, o pop foi gañándose a súa acepción como estilo musical independente, liberándose, ademais, do sentido pexorativo e negativo ao que se vinculaba.
O pop, nome que procede de música popular, é o xénero musical máis estendido entre a cultura xuvenil de principios do século XXI. Dende a aparición dos Beatles este xénero desenvolveuse nos máis diversos camiños.
Malia ser un estilo absolutamente híbrido (pop-rock, noise-pop, britpop, electropop...), as clasificacións máis coñecidas e aceptadas son: Pop indie Vs. Pop comercial, e Pop electrónico Vs. Pop Tradicional. A magnífica proliferación do pop fai imposible que estas clasificacións representen divisións puras.