Proteína transmembrana
proteína que atravesa unha membrana da célula dun lado a outro asomando polos dous lados da membrana / From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha proteína transmembrana (PT) é unha proteína que atravesa unha membrana da célula dun lado a outro asomando polos dous lados da membrana. Moitas destas proteínas funcionan como portas de entrada ou "peiraos de carga" que permiten o transporte de substancias específicas (ou impiden o doutras) a través das membranas celulares, as cales entrarán na célula ou sairán (caso, por exemplo, de produtos residuais). Como resposta ao recoñecemento da forma de certas moléculas que se unen a elas, estas proteínas poden adoptar un modo especial de pregamento que leve a substancia que se vai transportar ao outro lado da membrana.
As proteínas transmembrana agréganse e precipitan en auga. Para extraelas da membrana requírense deterxentes ou solventes non polares, aínda que algúns deles (os barrís beta) poden extraerse utilizando axentes desnaturalizantes.
Todas as proteínas transmembrana son proteínas integrais de membrana (incluídas na membrana), pero non todas as proteínas integrais de membrana son proteínas transmembrana, xa que moitas non chegan ao outro lado da membrana.[1]