Radiación ultravioleta
From Wikipedia, the free encyclopedia
A radiación ultravioleta (UV) é a radiación electromagnética cunha lonxitude de onda menor cá da luz visíbel e maior cá dos raios X, está comprendida aproximadamente entre os 400 nm (4x10−7 m) e os 15 nm (1,5x10−8 m), e presenta enerxías de entre 3 e 124 eV. Aínda que usualmente non é visíbel, baixo certas condicións os nenos e mozos poden ver radiacións ultravioletas de ata lonxitudes de onda de 310 nm aproximadamente.[1][2] A radiación UV-próxima é visíbel para algúns insectos e paxaros.
A radiación ultravioleta atópase nas radiacións solares, tamén é producida polos arcos eléctricos e por algúns tipos de lámpadas especializadas coma as lámpadas de vapor de mercurio, as camas de bronceado e a luz negra. As radiacións ultravioletas con lonxitude de onda máis longa carecen da enerxía suficiente para ionizar átomos, mais poden provocar reaccións químicas, e resplandor ou fluorescencia en certas substancias. En consecuencia, os efectos biolóxicos da radiación UV van máis alá do simple efecto calórico, e moitas das aplicacións prácticas da radiación UV derivan desta interacción coas moléculas orgánicas.
O bronceado, as lentixas e as queimaduras da pel son efectos familiares da sobreexposición solar, cun alto risco de causar cancros cutáneos coma o melanoma, o envellecemento prematuro da pel (engurras), cataratas etc. Os seres vivos terrestres veríanse seriamente danados pola radiación ultravioleta do sol se esta non fose filtrada pola atmosfera, en especial pola capa de ozono.[3] As radiacións UV-extremas con lonxitudes de onda curtas por debaixo de 100 nm, e polo tanto con máis enerxía, ionizan o osíxeno atómico e molecular e o nitróxeno do aire tan fortemente que son absorbidas a altitudes de entre 100 e 200 km.[4] A radiación UV non só ten efectos prexudiciais para a saúde, por exemplo, é responsábel da formación da vitamina D, necesaria para o fortalecemento dos ósos, na maioría dos vertebrados terrestres, incluídos os humanos.