Radical (química)
From Wikipedia, the free encyclopedia
En química, un radical, antes chamado radical libre, é un átomo, molécula, ou ión que ten electróns de valencia desapareados.[1]
Con algunhas excepcións, estes electróns desapareados orixinan radicais libres moi reactivos para con outras substancias, ou con eles mesmos: as súas moléculas a miúdo dimerízanse espontaneamente ou polimerízanse se están en contacto unhas con outras. A maioría dos radicais só son razoablemente estables se están en moi baixas concentracións en medios inertes ou no baleiro.
Un exemplo notable de radical libre é o radical hidroxilo (HO•), que é unha molécula que ten un electrón desapareado no átomo de oxíxeno. Outros dous exemplos son o oxíxeno triplete e o carbeno triplete (:CH2) que teñen dous electróns desapareados. Ao contrario, o anión hidróxido (HO-) non é un radical, xa que o electrón desapareado é resolto pola adición dun electrón; o oxíxeno singlete e o carbeno singlete tampouco son radicais, xa que os seus dous electróns están apareados.
Os radicais libres poden crearse de varias maneiras, incuíndo a síntese con reactivos rarificados moi diluídos, as reaccións a moi baixas temperaturas, ou a rotura de moléculas máis grandes. Isto último pode ser favorecido por calquera proceso que ceda suficiente enerxía á molécula parental, como unha radiación ionizante, calor, descargas eléctricas, electrólise, e reaccións químicas. Os radicais son estadios intermedios en moitas reaccións químicas.
Os radicais libres xogan un importante papel na combustión, química atmosférica, polimerización, química do plasma, bioquímica, e moitos outros procesos químicos. Nos organismos vivos, os radicais químicos superóxido e óxido nítrico e os seus produtos de reacción regulan moitos procesos, como o control do ton vascular e da presión arterial. Tamén xogan un papel clave no metabolismo intermediario de varios compostos biolóxicos. Eses radicais mesmo poden ser mensaxeiros nun proceso denominado sinalización redox. Un radical pode ser atrapado dentro dunha gaiola de solvente ou ser en caso contrario enlazado.