Radioterapia
From Wikipedia, the free encyclopedia
A radioterapia, abreviada a miúdo como RT ou RTx, é un tipo de terapia que usa radiación ionizante, que xeralmente forma parte do tratamento do cancro para controlar ou matar as células malignas, que normalmente se administra por medio dun acelerador de partículas lineal. A radioterapia pode ser curativa en varios tipos de cancro se están localizados nunha área do corpo. Pode utilizarse tamén como parte dunha terapia adxuvante, para impedir a reaparición do tumor despois da cirurxía ou eliminar un tumor primario maligno (por exemplo, nos estadios iniciais do cancro de mama). A radioterapia é sinérxica coa quimioterapia, e pode usarse tanto antes coma durante ou despois da quimioterapia en cancros susceptibles. A subespecialidade da oncoloxía que se ocupa da radioterapia é a oncoloxía radioterápica ou radiooncoloxía.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A radioterapia aplícase normalmente para o tratamento de tumores cancerosos debido á súa capacidade de controlar o crecemento celular. A radiación ionizante funciona danando o ADN das células do tecido canceroso o que orixina a morte celular. Para preservar os tecidos normais ou sans, como a pel ou órganos a través dos cales debe pasar a radiación para chegar ao tumor, apúntanse os raios de radiación con forma determinada desde diversos ángulos de exposición para que se intersecten no tumor, o que concentra na zona do tumor unha dose absorbida moito máis grande que nos tecidos sans que o rodean. Ademais do propio tumor, o campo de radiación pode tamén incluír os ganglios linfáticos drenantes se están clínica ou radioloxicamente implicados no tumor, ou se se pensa que hai risco de que haxa un espallamento subclínico do tumor maligno. Cómpre incluír unha zona marxinal de tecido normal arredor do tumor para non depender das incertezas sobre a disposición exacta diaria e o movemento interno do tumor. Estas incertezas poden ser causadas polo movemento interno (por exemplo, o da respiración e o enchido da vexiga) e o movemento de marcas externa na pel (usadas como guía) en relación á posición dos tumores.
A oncoloxía radioterápica é a especialidade médica que trata da dose de radiación prescrita, e é diferente da radioloxía, que é o uso da radiación para a obtención de imaxes médicas e o diagnóstico médico. O oncólogo radioterápico pode prescribir a radiación para intentar curar (uso "curativo") ou como terapia adxuvante. Pode tamén utilizarse como tratamento paliativo (no que non é posible a curación e o que se pretende é o control local da doenza ou o alivio simtomáticol) ou como tratamento terapéutico (no que a terapia beneficia a supervivencia e pode ser curativo). Tamén é común combinar a radioterapia coa cirurxía, quimioterapia, terapia hormonal, inmunoterapia ou algunha combinación das catro. Os tipos máis comúns de cancros poden ser tratados dun modo ou outro con radioterapia.
O tipo de tratamento a aplicar (curativo, adxuvante, terapéutico neoadxuvante ou paliativo) dependerá do tipo de tumor, a súa localización e estadio no que se encontra, e do estado de saúde xeral do paciente. A irradiación corporal total é a técnica de radioterapia usada para preparar o corpo para recibir un trasplante de medula ósea. A braquiterapia, na cal se sitúa unha fonte radioactiva dentro ou preto da área que cómpre tratar, é outra forma de radioterapia que minimiza a exposición dos tecidos sans durante os procedementos para tratar cancros de mama, próstata e outros órganos. A radioterapia ten varias aplicacións en condicións non malignas, como o tratamento da neuralxia do trixémino, neuromas acústicos, enfermidade ocular tiroide grave, pterixio, sinovite vilonodular pigmentada e a prevención do crecemento de cicatrices queloides, restenose vascular e a osificación heterotópica. O uso da radioterapia en condicións non malignas está limitado parcialmente pola prevención que se ten ante o risco de aparición de cancros inducidos pola propia radiación.