Especie en anel
From Wikipedia, the free encyclopedia
En bioloxía, unha especie en anel é unha serie conectada de poboacións veciñas, cada unha das cales pode reproducirse coas poboacións próximas relacionadas, pero na cal existen polol menos dúas poboacións situadas nos "extremos" da serie que xa teñen unha relación tan distante que non se poden reproducir entre elas, aínda que hai un fluxo xénico entre cada poboación "ligada".[1] Estas poboacións dos extremos que non se poden reproducir poden coexistir na mesma rexión (simpatría) pechando o "anel". Na literatura científica pode atoparse tamén o termo alemán Rassenkreis, que significa anel de poboacións.
As especies en anel representan un caso de especiación e foron citadas como unha evidencia da evolución. Ilustran o que ocorre co tempo a medida que as poboacións diverxen xeneticamente, concretamente porque representan, en poboacións vivas, o que acontece normalmente co paso do tempo entre as poboacións antecesoras desaparecidas hai longo tempo e as poboacións vivas, nas cales os intermediarios acabaron por extinguirse. O biólogo evolutivo Richard Dawkins sinalou que as especies en anel "están soamente mostrándonos na dimensión espacial algo que debe sempre ocorrer na dimensión temporal".[2]
Formalmente, o asunto central é que a interfertilidade (capacidade de hibridarse) non é unha relación transitiva; se A pode reproducirse con B, e B pode reproducirse con C, iso non significa que A poida reproducirse con C, e, por tanto, non define unha relación de equivalencia. Unha especie en anel é un contraexemplo da transitividade da reprodución.[3] Porén, discútese ata que punto se pode producir un fluxo xénico entre as poboacións dos extremos dunha especie en anel.