Receptor de células B
From Wikipedia, the free encyclopedia
O receptor de células B (BCR) é unha proteína receptora transmembrana situada na superficie dos linfocitos B (células inmunitarias produtoras de anticorpos). O linfocito B contacta co antíxeno estraño por medio do seu receptor, o que é necesario para a súa activación. O residuo do receptor que se une ao antíxeno é un anticorpo integrado na membrana, que expón ao exterior as súas rexións Fab, e que, como todos os anticorpos, ten un sitio de unión específico para un certo antíxeno, determinado aleatoriamente durante a maduración dos clons de linfocitos B (cada clon de células B ten unha especificidade distinta). Cando un linfocito B se une por primeira vez ao seu antíxeno específico, é activado, empeza a proliferar e a diferenciarse, xerando unha poboación de células plasmáticas B de grandes retículos endoplasmáticos rugosos produtoras e secretoras de anticorpos, e células B de memoria, que non actuarán ata que se produza unha resposta secundaria durante a segunda exposición a ese mesmo antíxeno.
O receptor da célula B ou BCR exerce dúas funcións esenciais na súa interacción cos antíxenos. Unha función é a transdución de sinais, que implican cambios na oligomerización do receptor. A segunda función é mediar na internalización e posterior procesamento do antíxeno, péptidos do cal serán despois presentados na superficie celular ás células T colaboradoras ou TH. As funcións do BCR son necesarias para unha produción normal de anticorpos, e os defectos na transdución de sinais desde o BCR poden orixinar inmunodeficiencia,[1] autoinmunidade [2], e tumores de células B [3].