Recombinación xenética
From Wikipedia, the free encyclopedia
A recombinación xenética é o proceso polo cal dúas moléculas de ADN intercambian información xenética, o que dá lugar á produción dunha nova combninación de alelos, e ocorre principalmente na meiose (pero hai casos especiais na mitose) e entre cromosomas homólogos (pero tamén pode darse entre non homólogos). Nos eucariotas, a recombinación xenética durante a meiose pode orixinar un novo conxunto de información xenética que pode transmitirse á proxenia. A maioría da recombinación ocorre de forma natural.
- Para a recombinación meiótica típica ver Recombinación homóloga.
Durante a meiose en eucariotas, a recombinación xenética implica o emparellamento dos cromosomas homólogos. Isto pode ir seguido de intercambio de información entre os cromosomas. O intercambio de información pode ocorrer en moitos casos sen un intercambio físico de ADN, xa que unha sección de material xenético se copia dun cromosoma a outro, sen que o cromosoma doante sufra cambios (ver vía SDSA da figura); ou ben pode haber unha rotura, intercambio e re-unión das febras do ADN, o cal formará novas moléculas de ADN distintas das iniciais (ver vía DHJ da figura).
A recombinación pode tamén ocorrer durante a mitose nos eucariotas e nela están xeralemnte implicados os dous cromosomas irmáns formados despois da replicación cromosómica. Neste caso, non se producen novas combinacións de alelos, xa que os cromosomas irmáns son normalmente idénticos.
Na meiose e na mitose a recombinación ocorre entre moléculas de ADN similares (homólogos). Na meiose, os cromosomas homólogos non irmáns emparéllanse un co outro para que a recombinación teña lugar caracteristicamente entre homólogos non irmáns. Tanto nas células meióticas coma nas mitóticas a recombinación entre cromosomas homólogos é un mecanismo común utilizado na reparación do ADN.
A recombinación xenética e a reparación do ADN recombinacional ocorren tamén en bacterias e arqueas.
A recombinación pode ser inducida artificialmente no laboratorio (in vitro) para producir ADN recombinante, por exemplo para producir vacinas.
A recombinación V(D)J en organismos cun sistema inmunitario adaptativo é un tipo de recombinación xenética específica de sitio que axuda ás células inmunitarias a diversificarse rapidamente para poder recoñecer e adaptarse a novos patóxenos.