Represión franquista
violencia durante a guerra civil e a ditadura sobre os partidarios do bando republicano / From Wikipedia, the free encyclopedia
A represión franquista refírese ao longo proceso de violencia física, económica, política e cultural que sufriron durante a guerra civil española os partidarios do bando republicano na zona sublevada, e durante a posguerra e o réxime de Franco os perdedores da guerra civil -os republicanos-, os que os apoiaban ou podían apoialos, os que eran denunciados como antifranquistas -fóseno ou non-, así como posteriormente os membros de organizacións políticas, sindicais e en xeral quen non estaba de acordo coa existencia da ditadura franquista, manifestaban a súa oposición á mesma e quen constituían ou podían constituír un perigo para a mesma.
Na historiografía non española, a represión franquista adóitase denominar terror branco (white terror en inglés, terreur blanche en francés).[1][2][3][4]
O período álxido de represión e violación dos dereitos humanos (que corresponde ao chamado "terror branco") empezou co alzamento militar de xullo de 1936 e considérase que rematou en 1945, cando a segunda guerra mundial puxo fin ás ditaduras de Hitler e Mussolini, principais apoios do réxime franquista. A partir de 1945, ano da promulgación do Foro dos Españois, adóitase falar de represión franquista, unha represión que se aplicou durante toda a ditadura até o falecemento de Francisco Franco en novembro de 1975.[5]
Segundo distintos informes coincidentes, España é o segundo país do mundo en número de desaparecidos cuxos restos non foron recuperados nin identificados, tras Camboxa.[6][7][8][9]