Respiración anaerobia
From Wikipedia, the free encyclopedia
A respiración anaerobia é un proceso de oxidación-redución de nutrientes para a obtención de enerxía na que o aceptor final de electróns é unha substancia distinta do oxíxeno, xeralmente inorgánica, que é característico esencialmente dunhas poucas especies de bacterias. Como en toda respiración, o aceptor final de electróns é externo e require xeralmente o funcionamento dunha cadea de transporte electrónico similar á da respiración aerobia [1].
Na respiración anaerobia non se utiliza oxíxeno. Como aceptor final de electróns utilízase outra substancia, xeralmente inorgánica, como o nitrato, sulfato, dióxido de carbono, Fe3+, xofre etc. En casos máis raros o aceptor final de electróns pode ser orgánico (fumarato, óxido de trimetilamina). As bacterias que realizan a respiración anaerobia son en moitos casos anaerobias estritas, pero tamén hai especies que poden vivir con ou sen oxíxeno, cambiando de metabolismo segundo as condicións (por exemplo, as bacterias nitrificantes poden facer tanto a respiración aerobia coma a anaerobia, e todo depende de se dispoñen de oxíxeno ou non).
Na respiración anaerobia intervén en xeral unha cadea de transporte electrónico similar á da mitocondria, con citocromos, quinonas e proteínas de ferro-xofre na que teñen lugar procesos redox. Nesta cadea realízase a reoxidación dos coencimas reducidos producidos durante a oxidación dos nutrientes. Pero na respiración aeróbica ao final da cadea estaba o oxíxeno, que recollía os electróns (e transformábase en auga), e, polo contrario, na respiración anaerobia ao final da cadea está ese outro aceptor que non é o oxíxeno, por exemplo o nitrato (que ao recoller o electrón se transformaría en nitrito).
Todos os posibles aceptores finais de electróns da respiración anaerobia teñen un potencial de redución menor que o que ten o O2 na respiración aeróbica, polo que, partindo dos mesmos substratos (por exemplo glicosa), a respiración anaerobia vai xerar moita menos enerxía (ATP) que a aeróbica.
Na respiración anaerobia poden usarse, segundo a especie, doantes de electróns orgánicos ou inorgánicos (como o H2), igual que na aeróbica.