Retículo endoplasmático
orgánulo celular que forma unha rede de membranas interconectadas / From Wikipedia, the free encyclopedia
O retículo endoplasmático ou endoplásmico (RE) é un orgánulo celular que forma unha rede de membranas interconectadas que semellan cisternas, tubos aplanados e sáculos comunicados entre si. Estes interveñen en funcións relacionadas coa síntese proteica, o metabolismo de lípidos e algúns esteroides, así como o transporte intracelular. Atópase na célula eucariota pero non na procariótica.
Divídese en dúas porcións: retículo endoplasmático rugoso e retículo endoplasmático liso. O retículo endoplasmático rugoso ten esa aparencia debido ós numerosos ribosomas que ten pegados á súa membrana mediante unhas proteínas nomeadas riboforinas. Posúe uns sáculos máis redondeados cuxo interior se coñece como luz do retículo ou lume onde caen as proteínas sintetizadas nel. Está moi desenvolvido nas células que pola súa función deban realizar un activo labor de síntese, como as células hepáticas ou as do páncreas. O retículo endoplásmico liso non ten ribosomas e participa no metabolismo de lípidos. As células musculares teñen un retículo endoplasmático especial chamado retículo sarcoplásmico. Nas neuronas os chamados corpos de Nissl do seu citoplasma conteñen cisternas do retículo endoplasmático e moitos ribosomas. Durante o fraccionamento celular (separación das partes da célula no laboratorio) feito por ultracentrifugación diferencial, os fragmentos rotos do retículo endoplasmático forman unha especie de vesículas chamadas microsomas, que sedimentan no tubo de ultracentrifugación.