Rexións de Finlandia
From Wikipedia, the free encyclopedia
Finlandia está dividida en 19 rexións, denominadas en lingua finesa maakunta e en sueco andskap. As rexións están gobernadas por consellos rexionais, que serven como foros de cooperación para os concellos da rexión. As principais funcións das rexións son os plans rexionais e o desenvolvemento de empresas e da educación. Ademais, os servizos da sanidade pública adoitan organizarse en base ás rexións. Actualmente a única rexión na que se celebra unha elección popular para o cosello é Kainuu. Outros consellos rexionais son elixidos polos consellos municipais, enviando cada consello municipal representantes en proporción á súa poboación.
Ademais da cooperación intermunicipal, que é responsabilidade dos consellos rexionais, hai 15 Centros de Desenvolvemento Económico, Transporte e Medio Ambiente (en finés: elinkeino-, liikenne- ja ympäristökeskus, abreviado ely-keskus), que é responsable da administración local de traballo, agricultura, pesca, bosques e asuntos empresariais. Cada un deles é responsable dunha ou máis rexións de Finlandia, e inclúe oficinas do Ministerio de Traballo e Economía, Transporte e Comunicacións, e Medio Ambiente. As oficinas das Forzas Armadas Finlandesas son responsables dos preparativos de defensa e da administración do servizo militar obrigatorio na rexión.