raíña maia From Wikipedia, the free encyclopedia
Ix Sak K'uk' ou Sak K'uk' (f. 9 ou 12 de setembro de 640) foi a gobernante de facto do estado maia de Baakal, cuxa sede estaba na cidade de Lakam Ha, no presente coñecida como a «zona arqueolóxica de Palenque», no que hoxe é o estado mexicano de Chiapas. Relaciónase co nome dun dos deuses proxenitores de Palenque, Muwaan Mat, que ―de acordo cos xeroglíficos do sartego do seu fillo Pakal o Grande―, gobernou dende o ano 612 até o 615. O seu nome pode traducirse como ‘Ave Branca’ (en lingua maia clásica, sak: ‘branco’; e kuk: ‘ave’).[1] Tamén é mencionada como a Señora Bestezuela.[1]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | valor descoñecido Palenque |
Morte | 12 de setembro de 640 (Gregoriano) |
Ajaw de Palenque | |
19 de outubro de 612 – 615 ← Aj Ne' Ohl Mat – K'inich Janaab' Pakal → | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | México |
Actividade | |
Ocupación | raíña |
Outro | |
Título | Raíña |
Cónxuxe | K'an Mo' Hix |
Fillos | K'inich Janaab' Pakal |
Pais | Janaab' Pakal e Yohl Ik'nal |
O señorío de Baakal, cuxa sede principal era Lakam Ja (Palenque) mantivo guerras frecuentes co señorío de Kaan, cuxa sede se atopaba en Calakmul. Palenque foi abatido en dúas ocasións. A primeira derrota ocorreu no ano 599, e sufriuna a ahau Yohl Ik'nal, que aínda así seguiu gobernando até a súa morte, ocorrida no 604. É probable que se respectase a súa xerarquía en troques do pago dun tributo.[2] O seu fillo primoxénito, e sucesor, Aj Ne' Ohl Mat, sufriu a segunda derrota no ano 611.[3] Durante o transcurso desta guerra ocorreu unha crise dinástica. O seu irmán Janaab' Pakal exerceu un cargo secundario (ti’sakhuun) entre o 608 e o 610. Este último ano foi nomeado yajawk' ahk' (‘señor do lume’) e atacou exitosamente a vila de Santa Elena.[4] Aínda que Aj Ne' Ohl Mat e Janaab' Pakal sobreviviron á forte derrota rexistrada en abril do 611, nun lapso de dezaseis meses ambos morreron, se cadra asasinados a consecuencia da mesma conflagración.[5]
Jannaab' Pakal, que é considerado o pai de Sak K'uk', morreu en marzo do 612, mentres que Aj Ne' Ohl Mat morreu en agosto do mesmo ano sen deixar herdeiro ó trono.[6] A dinastía de B'aakal dividiuse en dúas. Por unha banda, Ik' Muuy Muwaan, quen reclamou o seu dereito ó trono estabelecéndose en Tortuguero e por outra banda, Sak K'uk', quen decidiu regresar a Palenque.[7]
Nos xeróglidos do sartego de Pakal “o Grande” que narran a sucesión dinástica de Palenque atópase rexistrado que Muwaan Mat ascendeu ó poder o 9.8.19.7.18 9 etz'nab 6 ceh da conta longa do calendario maia, é dicir, o 19 de outubro do 612 —dous meses despois da morte de Aj Ne' Ohl Mat— coa inscrición “k'uhul ixik, satay ajaw” que quere dicir: “perdida está a divina señora, perdido está o señor”. Esta frase que alude á derrota da guerra explica dalgún xeito un renacer coa entronización de Muwaan Mat, quen é un deus nado no ano 3121 a. C., sete anos antes da data cero da conta longa (0.0.0.0.0 4 ajau 8 cumkú), que tomara o título de «Divino Señor de Matwiil» no 2305 a. C. e que regresara para volver asumir o trono no 612 d. C.
Muwaan Mat era considerado un dos tres deuses proxenitores de Palenque. A metáfora do seu regreso para asumir o trono e restabelecer novamente a varonía (sucesión patrilineal), dá lexitimidade ó trono do seguinte e futuro ahau K'inich Janaab' Pakal, quen no 612 só tiña nove anos de idade.[8] Inicialmente, cando a escritura maia empezou a descifrarse, os epigrafistas consideraron que Muwaan Mat era un pseudónimo de Sak K'uk', pero a idea foise rexeitando pois este deus do millo era de sexo masculino.[9]
Sak K'uk' contraeu matrimonio con K'an Mo' Hix, quen era cho'j ajaw, un nobre de segundo rango, cuxa liñaxe subordinada posiblemente vivía no Grupo Pedras Bólas. Trala crise dinástica ocorrida por mor da guerra con Calakmul, ambos regresaron a Lakam Ha' coa intención de entronizar ó seu fillo K'inich Janaahb' Pakal, mellor coñecido como Pakal “o Grande”, baseándose na idea de que Sak K'uk' pertencía ó núcleo dinástico do señorío.[10]
A cerimonia de entronización de Pakal levouse a cabo o 9.9.2.4.8 5 lamat 1 mol, é dicir, o 26 de xullo de 615, cando só contaba con doce anos de idade. Un retrato deste evento está tallado en altorrelevo no taboleiro oval do Palacio de Palenque.[11] A maior parte dos maianistas considera que Sak K'uk' foi a depositaria do poder en Palenque e que ostentou o poder de facto non soamente do ano 612 ao 615, senón probablemente até a súa morte, debido a que hai moi poucos rexistros que narren a actividade de Pakal durante todos estes anos.[12]
Sak Kuk morreu o 9 ou 12 de setembro do 640 e o seu esposo Kan Mo Hix morreu o 29 de decembro de 642.[13] É até entón cando comezan a construírse as obras arquitectónicas que caracterizaron ó goberno de Pakal “o Grande”.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.