Sal común
Cloruro sódico / From Wikipedia, the free encyclopedia
O sal común é un mineral composto principalmente por cloruro de sodio (NaCl), un composto químico encadrado dentro dos sales químicos. Na súa forma natural é un mineral cristalino e coñécese co nome de halita. O sal atópase en grandes cantidades na auga mariña, sendo o mineral principal constituínte da mesma, facendo que esta posúa unha media de salinidade dun 3,5%. O sal é un composto esencial para a vida en xeral, e o salgado é un dos sabores básicos dos humanos. Os tecidos dos animais conteñen maiores cantidades de sal que os das plantas. O sal é tamén un dos condimentos alimenticios máis antigos e comúns, e o salgado é un método historicamente moi importante para a conservación da comida.
Algunhas das primeiras evidencias do procesamento do sal que se coñecen datan de hai uns 8 000 anos, cando os humanos que vivían nunha zona da actual Romanía fervían augas de mananciais para extraer os sales da mesma, e o comezo da extracción de sal na China data de aproximadamente o mesmo período. O sal era moi apreciado polos hebreos, gregos, romanos, bizantinos, hititas, exipcios e indios. O sal era un artigo de comercio moi importante, transportado en barco polo mar Mediterráneo, por estradas construídas especificamente para este propósito e a través do Sáhara en caravanas de camelos. A escaseza e necesidade global do sal levou a varias nacións a disputas e guerras entre elas polo seu control, e é un elemento empregado en varios ritos relixiosos ademais de posuír outros significados culturais.
O sal extráese de minas de sal ou por medio da evaporación de auga mariña. Os principais produtos industriais derivados son a sosa cáustica e as aplicacións de cloro, utilizándose tamén en moitos procesos industriais que inclúen a manufactura de cloruro de polivinilo, plásticos, celulosa e outros produtos. Da produción global anual estimada duns 200 millóns de toneladas de sal, só un 6% do mesmo destínase ó consumo humano. Outros dos seus usos inclúen os procesos de condicionamento da auga, o desxeo de autoestradas e usos na agricultura. O sal comestible véndese en formatos de sal mariño ou sal de mesa entre outros, que adoitan conter antiaglutinantes e poden ser iodados para previr a deficiencia de iodo. Ademais do seu uso na cociña, o sal atópase presente nunha gran cantidade de alimentos procesados.
O sodio do sal é un nutriente esencial para a saúde humana por mor do seu papel como electrólito e soluto osmótico. Non obstante, o consumo excesivo de sal pode incrementar o risco de enfermidades cardiovasculares en nenos e adultos, coma por exemplo a hipertensión. Os efectos do sal na saúde levan estudándose dende tempo, e varias asociacións e expertos de diversos países recomendaron unha redución do consumo de diversos alimentos moi populares ricos en sal.[1] A Organización Mundial da Saúde recomendou no 2013 que os adultos deberían consumir menos de 2 000 mg de sodio, equivalentes a uns 5 gramos de sal diarios.[2]