Sempre en Galiza
ensaio político de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao / From Wikipedia, the free encyclopedia
Sempre en Galiza é un libro de ensaio político escrito por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, considerado a obra canónica do nacionalismo galego. A obra publicouse o 10 de marzo de 1944 en Buenos Aires e os primeiros exemplares que chegaron a Galicia fixérono de xeito clandestino.
- Este artigo trata sobre o libro de Castelao, para o artigo sobre programa de radio véxase Sempre en Galicia.
Sempre en Galiza | |
---|---|
4ª edición, de 1974 | |
Autor/a | Alfonso Daniel Rodríguez Castelao |
Orixe | Galicia |
Lingua | Galego |
Tema(s) | Política |
Xénero(s) | Ensaio |
Editorial | Editorial Galaxia |
Data de pub. | 1ª edición, 1944 |
Páxinas | 584 páx. (22ª edición, Galaxia) |
ISBN | 978-84-8288-729-6 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Castelao concibiu o libro baixo o título "Co pensamento en Galiza", como pode verse no manuscrito conservado no Museo de Pontevedra, datado en 1943 e dedicado á memoria de Alexandro Bóveda. Baixo o nome de Bóveda escribira protomártir, pero terminou riscando esta palabra. Finalmente, foi publicado como Sempre en Galiza.
No libro axúntanse artigos, ensaios, conferencias, discursos xunto a material pensado especificamente para a obra. O limiar da obra, Adro, comprende os artigos que dende Badaxoz escribiu para A Nosa Terra en 1935. A primeira parte escribiuna entre Valencia e Barcelona en 1937, orixinariamente publicouse na forma de artigos no xornal que os galegos exiliados publicaban en Madrid, Nueva Galicia. A segunda parte escribiuna en Nova York e durante a viaxe que o levou a Buenos Aires en 1940. O resto escribiuno en Buenos Aires entre 1942 e 1943.