Sievert
From Wikipedia, the free encyclopedia
O sievert (símbolo Sv) é unha unidade derivada do SI que mide a dose de radiación absorbida pola materia viva, corrixida polos posibles efectos biolóxicos producidos. 1 Sv é equivalente a un joule entre quilogramo, (1 J/kg). Esta unidade dá un valor numérico co que se poden cuantificar os efectos estocásticos producidos polas radiacións ionizantes.
Utilizouse este nome en honra ao físico sueco Rolf Sievert.
O organismo encargado das definicións de todas as unidades de medida utilizadas para as radiacións ionizantes e a radioactividade é a ICRU (International Commission on Radiation Units and measurements). As súas recomendacións son adoptadas polo BIPM (Bureau International des Poids et Mesures) co que se incorporan ao Sistema Internacional de Unidades.
A súa diferenza co gray (unidade da dose absorbida) é que o sievert está corrixido polo dano biolóxico que producen as radiacións, mentres que o gray mide a enerxía absorbida por un material.
Cúmprese a equivalencia 1 Sv = 1 Gy para as radiacións electromagnéticas (raios X e gamma) e os electróns, pero para outras radiacións debe utilizarse un factor corrector: 20 para a radiación alfa, de 1 a 20 para neutróns libres.
Esta unidade é utilizada para medir diferentes magnitudes usadas en protección radiolóxica, como a dose equivalente, a dose colectiva, a dose ambiental ou a dose efectiva entre outras, cada unha delas corrixida ou "ponderada" por distintos factores que reflicten distintos aspectos, como a Eficiencia Biolóxica Relativa (RBE en inglés).