Sistema de determinación do sexo
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os sistemas de determinación do sexo son sistemas biolóxicos que determinan o desenvolvemento das características sexuais dun individuo, xeralmente facendo que sexa do sexo masculino ou do feminino. A maioría dos organismos teñen dous sexos. Son máis raras as especies con individuos hermafroditas, que substitúen a un ou a ambos os sexos. Unhas poucas especies teñen un só sexo e reprodúcense por partenoxénese (desenvolvemento dun óvulo non fertilizado). Dalgúns sistemas de determinación do sexo non se coñecen todos os detalles.
Hai dous grandes grupos de sistemas de determinación sexual:
- Sistemas de determinación xenética: Os machos e as femias teñen diferentes alelos dun certo xene ou mesmo diferentes xenes que especifican a súa morfoloxía sexual. Nos animais isto está normalmente acompañado por unha diferenza cromosómica e realízase a través de combinacións de certos cromosomas, chamados cromosomas sexuais ou gonosomas, como ocorre na determinación do sexo XY, na ZW ou na X0, ou pola presenza de dotacións cromosómicas completas (ploidía), como ocorre na determinación do sexo por haplodiploidía. A diferenciación sexual xeralmente empeza por un xene principal, que é o locus sexual, e despois moitos outros xenes actúan nun efecto dominó.
- Sistemas de determinación ambiental: Depende de variables ambientais como a temperatura (determinación do sexo pola temperatura nos réptiles) ou variables sociais como o tamaño dun organismo en relación co doutros membros da poboación. A determinación sexual ambiental pénsase que apareceu antes ca a xenética, xa que se cre que os réptiles que determinaban o sexo pola temperatura foron os antepasados comúns das especies que teñen cromosomas sexuais. Algunhas especies non teñen o sexo dos individuos firmemente establecido, xa que este pode cambiar ao longo da vida do animal dependendo de certas circunstancias e sinais ambientais.