A hematopoese[1] (do grego αἷμα, "sangue" e ποιεῖν "facer"), tamén chamada hemopoese, hemocitopoese ou hematoxénese (as formas con i como hematopoiese etc. non se recomendan en galego[2][3]) é a formación das células do sangue, é dicir, de eritrocitos, leucocitos e plaquetas. Todos os compoñentes celulares do sangue derivan de células nai hematopoéticas que se encontran na medula ósea, a cal é, por tanto, o lugar onde ten lugar normalmente a hematopoese no adulto. Nunha persoa sa adulta, prodúcense aproximadamente 1011–1012 novas células sanguíneas cada día para manter estables os niveis de células sanguíneas na circulación periférica.[4][5]