Sukhoi Su-35
From Wikipedia, the free encyclopedia
Sukhoi Su-35 (ruso: Сухой Су-35; designación OTAN: Flanker-E) é a designación para dous derivados mellorados do caza de superioridade aérea Su-27. Estes son avións supermanobrables bimotores deseñados por Sukhoi e fabricados por KnAAPO.
Sukhoi Su-35 | |
---|---|
Tipo | caza multirrol, caza de superioridade aérea |
Fabricante | KnAAPO |
Deseñado por | Sukhoi |
Primeiro voo | Su-27M: 28 de xuño de 1988 Su-35S: 19 de febreiro de 2008 |
Introducido | febreiro de 2014 |
Estado | en servizo |
Principais usuarios | Forza Aérea de Rusia Forza Aérea do Exército Popular de Liberación Forza Aérea de Exipto |
Unidades construídas | Su-27M: 12 Su-35S: 142 |
Variantes | Sukhoi Su-37 |
O tipo foi desenvolvido orixinalmente pola Unión Soviética a partir do Su-27 e foi coñecido como o Su-27M. Incorpora canards e un radar multifunción que lle dá capacidades multirrol. O primeiro prototipo realizou o seu voo de estrea en xuño de 1988. Tras a disolución da Unión Soviética Sukhoi redesignouno como o Su-35 para atraer pedidos de exportación. Fabricáronse 14 avión usados para probas e como demostradores; un exemplar tiña motores con vectorización de pulo e foi redesignado como o Su-37. Tamén foi fabricado un único Su-35UB bipraza de adestramento a finais dos 90 que se asemella á familia Su-30MK.
En 2003 Sukhoi iniciou un segundo programa de modernización do Su-27 para servir como avión provisional á espera do desenvolvemento do programa Sukhoi PAK FA (Su-57). Tamén coñecido como o Su-35, esta versión ten unha cabina e un sistema de control de armas redeseñado e conta con motores con pulo vectorial en lugar dos canards. O tipo realizou o seu primeiro voo en febreiro de 2008. Aínda que foi deseñado para a exportación, a Forza Aérea de Rusia converteuse no seu primeiro cliente en 2009, coa versión de produción designada Su-35S. A Forza Aérea do Exército Popular de Liberación chinesa tamén realizou pedidos.