Sunnismo
maior seita do islam / From Wikipedia, the free encyclopedia
O sunnismo[1] ou islam sunnita (سنّة) é a maior seita do islam, á cal pertencen 85% do total dos musulmáns. Os seguidores do sunnismo son os sunnitas.[2]
Este artigo amosa letras árabes. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
A maioría dos sunnitas acredita que o nome deriva da palabra Sunna que é a forma de conduta do profeta Mahoma.[3] Algúns afirman porén que Sunnita deriva dunha palabra que significa "un camiño moderado" referíndose á idea de que o Sunnismo toma unha posición máis neutral do que aquela que ten sido apercibida como máis extrema dos xiítas e dos caridxitas.
As diferenzas entre musulmáns sunnitas e xiítas xurdiron a partir dun desacordo sobre a sucesión de Mahoma e posteriormente adquiriron un significado político máis amplo, así como dimensións teolóxicas e xurídicas.[4] Segundo as tradicións sunnitas, Mahoma designou a Abu Bakr como o seu sucesor (o primeiro califa).[5][4] Isto contrasta coa visión xiíta, que sostén que Mahoma anunciou como sucesor o seu xenro e curmán Ali ibn Abi Talib.[6] As tensións políticas entre sunnitas e xiítas continuaron con intensidade variable ao longo da historia islámica e agraváronse nos últimos tempos polos conflitos étnicos e o ascenso do salafismo e do wahabismo.[4][7][8]
Os seguidores do islam sunnita chámanse en árabe ahl as-sunnah wa l-jamāʻah00 ("a xente da Sunnah e da comunidade") ou de forma curta ahl as-Sunnah. Ás veces o islam sunnita chámase "Islam ortodoxo",[9][10][11] aínda que algúns eruditos ven esta tradución como inadecuada.[12]
O Corán, xunto co hadith (especialmente os recollidos por Kutub al-Sittah) e o consenso xurídico vinculante, constitúen a base de toda a xurisprudencia tradicional dentro do sunnismo. As decisións da xaria derivan destas fontes básicas, xunto co razoamento analóxico, a consideración do benestar público e a discrecionalidade xurística, utilizando os principios de xurisprudencia desenvolvidos polas escolas xurídicas tradicionais. En materia de credo, a tradición sunnita defende os seis piares do imān (fe) e comprende as escolas Ash'ari e Maturidi de Kalam (teoloxía), así como a escola textualista coñecida como teoloxía tradicionalista.