Tradución (proteínas)
From Wikipedia, the free encyclopedia
En bioloxía a tradución é a síntese de proteínas nos ribosomas a partir da información contida nun ARNm, o cal é unha copia realizada por transcrición dun xene do ADN. Por tanto, a tradución é o segundo proceso da expresión xénica despois da transcrición. A tradución só se pode producir nos ribosomas do citoplasma da célula, que están formados por dúas subunidades, que rodean o ARNm que se vai traducir.[1] Na tradución, o ARN mensaxeiro descodifícase para producir un polipéptido específico de acordo coas correspondencias do código xenético, que asocian cada codón (triplete de nucleótidos) do ARNm cun determinado aminoácido. Deste modo tradúcese a "linguaxe" de nucleótidos do ARN á "linguaxe" de aminoácidos das proteínas. A tradución comeza no codón de inicio AUG e acaba nun codón de parada (UGA, UAA, UAG). No proceso da tradución distinguimos catro fases: activación, iniciación, elongación e terminación.[2] [3]
A enerxía requirida para traducir proteínas é considerable. Para unha proteína que conteña n aminoácidos, o número de enlaces fosfato de alta enerxía necesarios para traducila é 4n-1.