Tecnoloxías da información
From Wikipedia, the free encyclopedia
As tecnoloxías da información (TI, tamén coñecidas como IT pola súa expresión en inglés: information technology) son unha serie de metodoloxías, ferramentas, técnicas e dispositivos utilizados na utilización e proceso da información dentro do ámbito da informática e a computación. O vocábulo adoita empregarse como sinónimo para os computadores e as redes de computadoras, pero tamén abrangue outras tecnoloxías de distribución de información, como a televisión e os teléfonos e as telecomunicacións utilizadas para interconectalos. Múltiples industrias están asociadas coas tecnoloxías da información, incluíndo hardware e software de computador, electrónica, semicondutores, Internet, equipos de telecomunicación, comercio electrónico e servizos computacionais.
É común confundir os vocábulos TI e TIC. A diferenza é que TI fai referencia ás tecnoloxías da información, mentres que TIC implica as tecnoloxías da información e a comunicación. Ambas as dúas teñen unha ampla relación, mais sinalan áreas diferentes. O vocábulo TI é un termo máis amplo e abrangue as TIC, que é un termo que indica unha subcategoría do outro: "As TI abranguen o dominio completo da información, que inclúe o hardware, o software, os periféricos e as redes. Un elemento cae dentro da categoría das TI cando se emprega co propósito de almacenar, protexer, recuperar e procesar datos electronicamente".[1]
Os humanos estiveron almacenando, recuperando, manipulando e comunicando información dende que os sumerios en Mesopotamia desenvolveron a escritura arredor do 3000 a. C., mais a expresión tecnoloxía da información no seu significado moderno apareceu por primeira vez en 1958 nun artigo publicado na revista Harvard Business Review; os seus autores Harold J. Leavitt e Thomas L. Whisler comentaron que "a nova tecnoloxía non ten aínda un nome establecido. Deberíamos chamala tecnoloxía da información (TI)". A súa definición consistía en tres categorías: as técnicas de procesamento, a aplicación de métodos estatísticos e matemáticos para a toma de decisións e a simulación do pensamento de orde superior a través de programas computacionais.[2]
Os primeiros pasos para o establecemento dunha sociedade da información déronse co invento do telégrafo eléctrico, do teléfono fixo, da radiotelefonía e da televisión, aínda que foi Internet o que lle deu o pulo definitivo. Baseándose na tecnoloxía de almacenamento e procesamento empregada, é posible distinguir catro eras do desenvolvemento das TI: pre-mecánica (3000 a. C.-1450 d. C.), mecánica (1450-1840), electromecánica (1840-1940) e electrónica (dende 1940).[3]