Tema artístico
tema ou materia nunha obra de arte / From Wikipedia, the free encyclopedia
Tema artístico é o tema dunha obra de arte. Normalmente a expresión restrínxese ás artes visuais, polo que coincide cos temas iconográficos (os que poden expresarse cunha iconografía identificativa). Os temas literarios e os temas musicais (mesmo na música descritiva ou música programática) non adoitan incluírse nesta expresión.
Os temas artísticos son aqueles directamente obxecto de preocupación dos artistas, ligados ao contexto histórico e cultural das súas épocas respectivas. A sistematización dos temas recorrentes dentro da pintura ou a escultura provén da tentativa de descrición dos xéneros artísticos; categoría de clasificación máis ampla, que nas artes designan a cada unha das distintas clases nas que se poden ordenar as obras segundo trazos comúns de forma e de contido.