Tempo atmosférico
From Wikipedia, the free encyclopedia
O tempo atmosférico, tempo meteorolóxico ou temperie é o estado da atmosfera[1] contemplado desde distintos aspectos: se está quente ou fría, húmida ou seca, calma ou tormentosa, clara ou nebulosa.[2] A maioría dos fenómenos do tempo ocorren na parte máis baixa da troposfera, xusto debaixo da estratosfera. O tempo refírese á temperatura e precipitacións diarias, mentres que o clima é o estudo das condicións atmosféricas durante períodos máis longos.
O tempo está influenciado polas diferenzas entre un lugar e outro da presión do aire, a temperatura e a humidade. Estas diferenzas poden ocorrer debido ao ángulo de inclinación en calquera sitio concreto do sol, o cal varía coa latitude. O forte contraste de temperatura entre o aire polar e o tropical da orixe ás circulacións atmosféricas a grande escala, como a Célula de Hadley, a Célula de Ferrel, a Célula Polar, e a corrente en chorro. Manifestacións atmosféricas nas latitudes medias, como os ciclóns extratropicais, son causados por inestabilidades do fluxo da corrente en chorro. Debido a que o eixe da Terra está inclinado en relación ao seu plano orbital, a luz solar incide en ángulos diferentes nos distintos meses do ano. Na superficie da Terra, as temperaturas poden chegar a ter unha variación anual de ±40 °C. Durante miles de anos, os cambios na órbita terrestre poden afectar á cantidade e distribución de enerxía solar recibida pola Terra, influenciando así o clima a longo prazo e o cambio climático global.
As diferenzas de temperatura da superficie á súa vez causan diferenzas de presión. As zonas de maior altitude son máis frías cas baixas, debido a que gran parte do quecemento atmosférico débese ao contacto coa superficie da Terra mentres as perdas por radiación ao espazo exterior son maiormente constantes. O prognóstico do tempo é o resultado da aplicación da ciencia e tecnoloxía para predicir o estado da atmosfera para un momento futuro e unha localización dada. O sistema do tempo atmosférico é caótico; en consecuencia, cambios pequenos nunha parte do sistema poden provocar grandes efectos no sistema, considerado como un todo. Ao longo da historia, o ser humano tentou controlar e manipular o tempo, e hai evidencias de que as actividades humanas como a agricultura e a industria modificaron os patróns atmosféricos.
O estudo sobre como funciona o tempo noutros planetas foi de grande utilidade para comprender como este funciona na Terra. Un coñecido fenómeno no sistema solar, é a Gran Mancha Vermella de Xúpiter. Non é máis ca unha tormenta anticiclónica que se sabe existe desde polo menos 300 anos. Non obstante, o tempo non se limita aos corpos planetarios. A coroa solar estase perdendo constantemente no espazo, creando o que esencialmente é unha moi delgada atmosfera a través do sistema solar. O movemento de masa expulsada desde o sol coñécese como vento solar.