Tim Berners-Lee
foi o creador da WWW (World Wide Web) e é o actual director do World Wide Web Consortium. / From Wikipedia, the free encyclopedia
Sir Timothy John Berners-Lee, coñecido como Tim Berners-Lee e tamén por TimBL, nado o 8 de xuño de 1955,[1] é un enxeñeiro e científico da computación británico, coñecido por ser o inventor da World Wide Web (www). É profesor numerario investigador do departamento de Ciencias da computación da Universidade de Oxford[2][3] e profesor no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT).[4] O 12 de marzo de 1989, Berners-Lee propuxo un sistema de xestión da información,[5][6] e en novembro dese mesmo ano estableceu a primeira comunicación exitosa entre un cliente e un servidor a través de Internet usando o protocolo HTTP.[7][8][9][10]
Berners-Lee é o director do World Wide Web Consortium (W3C) que el mesmo fundou en outubro de 1994 para supervisar e estandarizar o desenvolvemento das tecnoloxías sobre as que se fundamenta a Web e que permiten o funcionamento de Internet. É tamén o fundador da World Wide Web Foundation, ademais de investigador sénior e titular da cátedra 3Com no Laboratorio de ciencia computacional e intelixencia artificial do MIT (CSAIL)[11]. É un dos directores da Web Science Research Initiative (WSRI),[12] e un dos membros do consello consultivo do Centro para a intelixencia colectiva do MIT.[13] En 2011 foi nomeado membro do consello de administración da Fundación Ford.[14] É un dos fundadores e presidente do Open Data Institute e asesor da rede social MeWe.[15]
En 2004 foi nomeado pola raíña Isabel II Cabaleiro da Orde do Imperio Británico polo seu traballo pioneiro.[16][17] En abril de 2009, foi elixido membro estranxeiro da Academia Nacional de Ciencias dos Estados Unidos.[18][19] A revista Time incluíno na lista dos 100 personaxes máis importantes do século XX.[20] Foi honrado como o inventor da World Wide Web durante a cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de 2012 en Londres, na que interveu traballando cun vello ordenador NeXT co que tuiteou a frase "This is for everyone" (isto é para todos) que apareceu instantaneamente nas pantallas de cristal líquido dos 80 000 asentos do Estadio Olímpico de Londres.[21][22]
En 2002, xunto con Lawrence Roberts, Robert Kahn e Vinton Cerf, Berners-Lee recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica, pola súa contribución o desenvolvemento de Internet e a World Wide Web.[23] En 2004 levou o Millennium Technology Prize,[24] que lle reportou un millón de euros;[25] e en 2016 o Premio Turing "pola invención do World Wide Web, o primeiro navegador web, e os algoritmos e protocolos fundamentais que permiten o acceso á web",[26] entre os que destacan a Linguaxe HTML (HyperText Markup Language) ou linguaxe de etiquetas de hipertexto, o protocolo HTTP (HyperText Transfer Protocol) e o sistema de localización de obxectos na web URL (Uniform Resource Locator).