Tomé de Aquino
filósofo e teólogo medieval italiano / From Wikipedia, the free encyclopedia
Tomé de Aquino[1] ou Tomás de Aquino[2], nado en Roccasecca,[3] (Nápoles) en 1225 e finado en Fossanova o 7 de marzo de 1274, foi un presbítero, frade, teólogo, filósofo e xurista católico pertencente á Orde dos Predicadores, é considerado o principal representante do ensino escolástica[4] e unha das maiores figuras da teoloxía sistemática.[5] En materia de metafísica, a súa obra representa unha das fontes máis citadas do século XIII, ademais de ser punto de referencia das escolas do pensamento tomista e neotomista. A Igrexa católica nomeouno Doctor Angelicus, Doctor Communis e considera a súa obra fundamental para os estudos de filosofía e teoloxía. En 1999, Xoán Paulo II engadiu un novo título a estes tradicionais: Doctor Humanitatis.[6]
Tomé foi un destacado defensor da teoloxía natural e o pai dunha escola de pensamento (que abarca tanto a teoloxía como a filosofía) coñecida como tomismo. Argumentaba que Deus é a fonte da luz da razón natural e da luz da fe.[7] Foi descrito como "o pensador máis influente do período medieval"[8] e "o máis grande dos filósofos-teólogos medievais".[9] As súas ideas, a diferenza de moitas correntes na Igrexa católica da época,[10] abarcaron varias ideas presentadas por Aristóteles -a quen chamou "o Filósofo"- e tentaron sintetizar.A filosofía aristotélica cos principios do cristianismo.[11]
Os seus comentarios sobre as obras de Aristóteles lanzárono á popularidade, a recepción da súa obra favoreceu a compatibilidade entre o pensamento aristotélico e a fe católica. Así mesmo, recibiu influencias do platonismo de Agostiño de Hipona, e do aristotelismo de Averroes e de Maimónides, a quen tomaba como autoridades. As súas obras máis coñecidas son a Summa theologiae, un compendio da doutrina católica na cal trata 495 cuestións divididas en artigos (aquí atópanse as súas cinco vías), e a Summa contra gentiles, compendio de apoloxía filosófica da fe católica, que consta de 410 capítulos agrupados en catro libros, redactado a pedimento de san Raimundo de Peñafort.
A Tomé débeselle o rescate e reinterpretación da metafísica e unha obra de teoloxía monumental,[5][12][13][14] así como unha teoría do Dereito que sería moi consultada posteriormente.[15] Canonizado en 1323, foi declarado Doutor da Igrexa en 1567 e santo patrón das universidades e centros de estudo católicos en 1880. A súa festividade celébrase o 28 de xaneiro. En palabras do filósofo inglés Anthony Kenny, Santo Tomé de Aquino é considerado "un dos máis grandes filósofos do mundo occidental".[16]